A AMTEGA abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da
Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Así se
recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) con 180 prazas para este
curso preparatorio, que comezará en setembro e cuxo exame presencial terá lugar
en novembro.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16
anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa
correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impartirase desde
setembro na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que
soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para
seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da
publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición,
publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede
CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán
aboar no prazo de cinco días desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros
correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que
non aboen a citada taxa.
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas
formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia,
composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo
formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de
certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da
información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
- Aplicacións informáticas de bases de
datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
- Aplicacións informáticas para
presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
- Aplicacións informáticas de tratamento
de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
- Aplicacións informáticas de follas de
cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Ningún comentario:
Publicar un comentario