martes, 21 de xuño de 2016

A web Paraestudarlugo.com recibe 5.000 visitas nunha semana de actividade

A Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago (Campus de Lugo) seguen adiante coa súa iniciativa conxunta para atraer estudantes á Cidade da Muralla. Con este fin, puxeron en marcha a terceira edición da súa campaña conxunta de promoción e reclamo que inclúe, entre outras cousas, descontos nas matrículas de até o 50%. A campaña Para estudar, Lugo ten páxina web de seu. O sitio en liña, segundo informa a Deputación, está a ter “bos resultados”. Proba disto é que en só unha semana foi quen de recibir 5.000 visitas de todo o ámbito estatal e do estranxeiro.
Así o fixo saber este venres a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, que adiantou que os 120.000 euros que achega a Deputación para asumir a metade dos custos da matrícula, permitirán beneficiar a máis de 400 alumnos. Segundo engadiu, das devanditas 5.000 visitas, máis do 10% proveñen de países como Rusia, Estados Unidos, Alemaña ou Portugal, “o que demostra que a campaña está a promocionar e fomentar o Campus de Lugo máis alá das nosas fronteiras”. O 90% restante de visitan son de España: máis do 14% son de Madrid e outro 10% de cidades como Barcelona, Valladolid, Xixón, León, Santiago de Compostela ou A Coruña.
Nas redes sociais, García Porto explicou que a campaña está a ter como principal foco de comunicación os perfís oficiais do Campus Terra e da Deputación de Lugo. As publicacións no Facebook da Deputación de Lugo tiveron un alcance de máis de 30.000 persoas e foron compartidas por máis de 100 usuarios (cifras ás que cómpre engadir as acadadas polas páxinas ligadas á USC). En Twitter, a campaña (que se está lanzar ao abeiro da etiqueta #paraestudarlugo e con diferentes accións e imaxes) obtivo arredor de 120 chíos con dito cancelo ou relacionados co programa de bolsas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario