Oponse a unha proposta do PSdeG no Parlamento galego para que "todos os sectores sexan solidarios". Os socialistas critican a súa "visión clasista" da cultura.
O PPdeG non quere que se rebaixe o IVE ás actividades culturais. Así o puxo de manifesto co seu voto en contra na Cámara galega a unha proposta do PSdeG. A súa argumentación, segundo o deputado Agustín Baamonde, é que "todos os sectores sexan solidarios na resposta ante a crise".Pola súa parte, o socialista Emilio Vázquez, que defendeu a proposición non de lei, que si contou co apoio do resto da oposición, chamou a "acabar cunha visión clasista da cultura", e advertiu de que o IVE imposto "afecta á creación cultural, especialmente a pequenos empresarios e autónomos".
A covoceiro do BNG na Cámara, Ana Pontón, subliñou, nesta liña, que a cultura é "un dereito humano fundamental", mentres que o parlamentario de AGE Xabier Ron lamentou a situación en que queda España neste ámbito na comparación con outros países europeos e Carmen Iglesias, do grupo mixto, afirmou compartir "o espírito" da proposta.
Na súa quenda, Baamonde apelou á oposición para que avogue polo cambio "real" e "non quede naquilo que cantaba Johnny Hallyday de melenas longas, ideas curtas," en alusión á canción 'Cheveux longs et idées courtes' do cantante e actor francés.
Na réplica, Vázquez instou o popular a falar co sector, para comprobar "se lle gustan as gracietas", e esixiu ao PP que "deixe de tomar o pelo" á sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario