martes, 7 de xuño de 2016

O desleixo da Consellaría de Educación pola lingua galega é inmenso

Vén de publicar unhas axudas raquíticas, para os equipos de normalización dos centros, cando só faltan 20 días para rematar o curso.

A CIG-Ensino ten que denunciar cada ano o desprezo da Consellaría de Educación pola nosa lingua e polo traballo do profesorado e dos Equipos de Normalización Lingüística. Non doutro xeito se pode cualificar a teimosía con que insiste en convocar unhas raquíticas axudas durante o segundo trimestre do curso, axudas que non se resolven até estar avanzado o terceiro trimestre. Este ano, unha vez máis, no mes de xuño, cando apenas quedan vinte días para que finalice o curso.
Este curso, unha vez máis, a Consellaría volveu facer gala do seu desinterese na normalización da nosa lingua. A convocatoria deste ano non tivo en conta, de novo, as recomendacións máis básicas:

  • Publicación no inicio de curso (non se publicou até xaneiro de 2016)
  • Resolución o antes posíbel, como moi tarde no inicio do segundo trimestre (como vemos, publícase a vinte días do final do curso)
  • Incremento das axudas de xeito que signifiquen unha dotación real e efectiva para o desenvolvemento de actividades nos centros (a Consellaría mantén a redución orzamentaria de máis do 60% que desde hai sete anos sofren os centros públicos).



Pouco, moi pouco, poden facer os centros cunha axuda que oscila entre os 300 e os 350 €. Estamos falando dunha cifra que apenas acada o importe dun autobús para acudir a unha actividade normalizadora, por pór  un exemplo. O resto do traballo terá que ser levado adiante con voluntariedade (e diso está sobrado o profesorado dos equipos) e moita, moita imaxinación.



Estamos ante un sutil mecanismo de paralización do importante labor dos equipos de normalización. A Consellaría sabe que os equipos non poden programar as actividades sen coñecer a contía das axudas, de aí a súa tardía publicación, e sabe tamén que a súa continua redución é un importante impedimento para deseñalas e desenvolvelas. 



A CIG-Ensino denuncia esta situación e esixe:

  • Incremento das contías das axudas aos Equipos de Normalización de maneira que sexa unha axuda real.
  • Publicación da convocatoria co inicio do curso e resolución o antes posíbel, de xeito que as axudas sexan efectivas e permitan o deseño e a convocatoria de actividades que incidan no proceso de normalización da nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario