O último informe IUNE salienta o "importante crecemento na última década" da produción investigadora galega.
A actividade investigadora nas tres universidades galegas coloca a Galicia no quinto posto no Sistema Universitario Español (SUE), segundo o último informe IUNE, que analiza a través de 47 indicadores a información das 74 universidades españolas públicas e privadas desde o ano 2005 até 2014.Neste período de tempo, as universidades galegas produciron 25.919 documentos científicos, o que coloca a Galicia no quinto posto en actividade investigadora en España.
En primeiro lugar, e moi destacada, sitúase Cataluña, con 100.313 documentos, seguida por Madrid (78.032), Andalucía (60.806) e Comunidade Valenciá (49.994).
Tras Galicia sitúanse no sexto posto Castela e León, con 20.084 documentos publicados, e País Vasco, con 16.887.
O informe salienta que "Galicia e País Vasco, malia o seu menor tamaño, evidenciaron un importante crecemento na última década".
Entre as universidades galegas, a de Santiago de Compostela (USC) destaca en número de patentes e na creación de empresas spin-off, apartado este último no que tamén se salienta a actividade da Universidade de Vigo.
Pola evolución do número de patentes, a USC ocupa o quinto posto, cun total de 1995 patentes entre os anos 2005-2014, e o sétimo lugar por patentes nacionais por cada cen profesores.
A universidade compostelá tamén destaca polo número de publicacións en colaboracións internacionais, no noveno posto.
Na creación das spin-off, a USC deu lugar a un total de 28 novos proxectos no período 2006-2014, ocupando o oitavo lugar en España, seguida pola Universidade de Vigol, con 24.
A USC tamén se sitúa no oitavo posto entre as universidades con maiores promedios de autores/publicación, e no sétimo en promedio do número de citas por universidade.
O Observatorio IUNE é o resultado do traballo realizado por un grupo de investigadores pertencentes ás universidades que integran a "Alianza 4U": Universidade Carlos III de Madrid, Universidade Autónoma de Madrid, Universidade Autónoma de Barcelona e Universidade Pompeu Fabra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario