O primeiro destes traballos leva por título Dende a beira do Masma e recolle trece temas nos que Xan Carballal, director da Escola Municipal de Música O Pallarego, pon melodía a temas de Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.
As voces de Xulia Nogueira e Sabela
Carballal acompañan o acordeón, a arpa, a zanfona, a guitarra, o
clarinete, o violín, a viola, o chelo e as percusións para que os versos
de Do ermo, Cantares gallegos ou Herba aquí e acolá
cobren vida musical, confirmando, máis unha vez, a indubidable
sonoridade da lírica mindoniense, que aquí corporeíza mercé á Fundación
TIC lucense, dependente da Deputación Provincial.
Non menos interesante é a seguinte das propostas, neste caso chegada dende a cidade departamental e titulada Apelón. Quen a asina é un experimentado cantautor, cunha sólida traxectoria ás costas: Roger de Flor, unha das voces máis orixinais e independentes do actual panorama.
En Apelón, disco editado por
Feiticeira Producións, inclúense tres temas galegos: “Estoupará”,
“Ferrol Vello” e mais “Na ialma zoaba o vento”. Xunto a eles, outras
cancións non menos literarias, como “Spring”, versión dun poema do gran
poeta inglés William Blake. Mais a pluralidade de rexistros deste
traballo é tamén perceptible na inserción de temas en castelán e
italiano e, sobre todo, na variedade de estéticas ensaiadas, que
integran por igual o rock, o pop ou os acenos country, entre outros.
Por último, o dúo 2naFronteira dá a luz Sons de Nós, a súa particular homenaxe á revista Nós e as Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario. Trece temas
editados por Inquedanzas Sonoras nos que a felicísima voz de Carmen
Penim se acompaña das virtuosas mans de Maurizio Polsinelli para recrear
atmosferas de harmonio, piano e shruti box engalanadas de guitarras,
violíns, violas de teclas, zanfonas, contrabaixos, baterías e percusións
varias.
Sons de Nós
dá a Euterpe o verso requintado de Eduardo Blanco Amor, o testemuñal de
Xosé Velo, as liricidades de Fermín Bouza Brey, o dicir primeiro de
Ricardo Carballo Calero, a voz inxel de Francisca Herrera Garrido, a
arquitectura florida de Ramón Otero Pedrayo e o enxebrismo de Francisco
Luis Bernárdez, compoñendo todos un retábulo sonoro de indubidable
atractivo.
Non hai escusa, por tanto, para non se deleitar con Dende a beira do Masma, Apelón e mais Sons de Nós na
tranquilidade do fogar, na vertixe do guiar automobilístico, nos
minutos de lecer e ambientación laboral ou en calquera outra situación
ou contexto. Boa compaña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario