martes, 28 de xuño de 2016

Lectores de toda España premian o relato científico dun vigués

'Odio los lunes', de Andreu Blanco, foi o premio do público no certame 'Inspiraciencia' do CSIC.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) fixo públicos os gañadores da sexta edición de Inspiraciencia, concurso de relatos científicos en español, galego, catalán e éuscaro dirixido ao público xuvenil e adulto. En total, recibíronse 480 relatos. Foron oito premiados e dez finalistas nas categorías de relato adulto e xuvenil nos diferentes idiomas, aos que hai que engadir os dous premiados por decisión do público en base á votación popular. O xurado tivo en conta “a orixinalidade das propostas, a calidade literaria e o contido científico”.
Os premios do público -que escollían o mellor de cada modalidade, independentemente do idioma- foron para “Odio los lunes” de Andreu Branco Cartaxena (Vigo), na categoría de adulto, e “Un mundo ciego” de Carmen García Guerrero (Madrid), na categoría xuvenil.
En galego, o gañador na categoría de adulto foi Agustín Agra Barreiro (Noia, A Coruña), con “Déjà vu”, unha imaxinativa hibridación de historia real, lenda e actualización do principal descubrimento de Arquímedes, e na categoría xuvenil, Iria Rúa Vázquez (San Cristóbal, Ourense), con “A movida sen fin”, un vivo relato da movida dos anos 80 no que o ansia de liberdade non cede ante os estragos do VIH.
“Yo no creía en el Satori”, unha historia articulada ao redor da demostrabilidade das leis da física cuántica utilizando un símil paradoxal cheo de ironía e humor, de Luis Neira Tovar (València), e “La paradoja”, de Arnau Galí Bergillos (Esparraguera, Barcelona), un enxeñoso relato inspirado na mecánica cuántica e con sorpresa final, son os galardoados nas categorías de relato adulto e xuvenil en castelán.
O descubrimento de Arquímedes e o VIH foron os temas dos gañadores galegos
En catalán, o primeiro premio foi para “Tectònica fàcil per a sentimentals”,suxestiva narración que describe os episodios xeolóxicos da terra seguindo a analoxía do barrio e a cidade, de Xavier Fernández Busquets (Mollet do Vallès,Barcelona), e “Un dia quàntic”, de Marc Pau Knijff Massip (Esparraguera, Barcelona),que propón unha historia cotiá paradoxalmente cuántica.
En éuscaro, o primeiro premio en categoría de adulto foi para “Denboraren makina”, de Naiara Zubimendi Zubillaga (Zumaia, Gipuzkoa), un retorno á máquina do tempo que actúa como estímulo para empezar unha carreira biomédica, e “Amaieraraino”, un expresivo relato sobre como a vivencia próxima da enfermidade a leucemia pode sublimarse a través investigación médica, de Goretti Hoyos Díez (Errenteria, Gipuzkoa).

Ningún comentario:

Publicar un comentario