A competencia entre as universidades por captar estudantes tras o Selectivo bota a andar coa presentación da campaña da Universidade de Vigo, que di ter logrado até un 95% de ocupación en anos anteriores.
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presentou este mediodía as accións que a Universidade porá en marcha partir do vindeiro mércores co lema "Aquí todo é posible" en medios de comunicación, redes sociais e autobuses urbanos para promocionarse entre mozos e mozas de 16 a 20 anos co obxectivo de incorporalos ao seu alumnado para o vindeiro curso. Cómpre lembrar que en breve comeza o último dos exames de Selectivo.“Aínda que non temos problemas de captación de alumnado, despois de varios anos nos que acadamos ata un 95% de ocupación, con esta campaña pretendemos amosar á sociedade quen somos e tamén captar o mellor estudantado”, explicou o reitor, que estivo acompañado na presentación da campaña polo coordinador da mesma, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Paulino Pérez e os e as protagonistas da mesma, as estudantes Ana Rivas e Andrea Martínez e o investigador da Ecimat Jorge Pascual. A diferenza doutros anos, a totalidade da campaña está elaborada e protagonizada por membros da comunidade universitaria que interviñeron en todos os procesos de creación, gravación e edición das pezas gráficas e audiovisuais, que se difundirán a través de televisións, radios e medios escritos e dixitais de ámbito autonómico, así como a través de redes sociais e autobuses urbanos, “coa idea de chegar a todas partes e dar unha idea de comunidade”, explicou Paulino Pérez.
Co obxectivo de mostrarlle á sociedade “que supón entrar na universidade e que portas se abren”, dixo o reitor, as diferentes pezas da campaña construíronse arredor de valores como a constancia, o traballo en equipo, a creatividade, a cultura ou o esforzo aos que poñen cara e voz as estudantes e o investigador que protagonizan as pezas audiovisuais. Así, mentres a estudante de ADE e xogadora do equipo de rugby Ana Rivas transita nun dos spots do terreo de xogo á biblioteca, Andrea Martínez fai o propio dunha aula ao teatro Vidal Bolaño para tocar a guitarra nun concerto, mentres que Jorge Pascual pasa en poucos segundos dun laboratorio, no que viste unha bata branca, a enfundarse nun traxe de mergullo para subirse nunha lancha que se perde no mar. “Tratamos de transmitir a proximidade das cousas, que hai moitas actividades nos tres campus, nos que non só se pode estudar e investigar, senón que tamén hai outras actividades”, explicou o coordinador da campaña, Paulino Pérez, que chamou a atención sobre a presenza de portas en cada unha das pezas, como elementos que aluden á proximidade e permiten transitar dunhas actividades a outras sen saír da universidade.
E despois da derradeira Selectividade, que?
Tras incidir en que as campañas son necesarias para, no caso da Universidade de Vigo, manterse tras ser quen de chegar a un punto de equilibrio entre a oferta e a demanda de prazas, o reitor Salustiano Mato manifestou o seu desexo que de que a proba que substituirá a partir do vindeiro curso á actual Selectividade sexa o máis parecido posible a actual proba de acceso. “Entres unhas cousas e outras esperemos que sigan existindo as probas de acceso á universidade máis ou menos nun formato parecido, que é algo que funciona, que está moi contrastado”, dixo Mato, que tamén lembrou a conveniencia, co cambio de tipo de exame, de modificar os calendarios de final de Bacharelato e inicio da universidade “para que teñamos esas dúas probas ou esas dúas opcións de acceso á universidade antes de agosto, que é o sempre quixemos”, explicou o reitor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario