“Os relatorios que se debaterán durante o congreso están moi orientados ás aplicacións reais en diversos campos industriais, por iso haberá presencia de representantes de 50 empresas en Santiago”, explica Quintela, quen subliña que haberá dez invitados especiais entre os que se atopan catro científicos de universidades estadounidenses e dous españois. Un deles será Wenceslao González, profesor de Estatística na facultade de Matemáticas da USC, que presentará un relatorio no que falará sobre as súas investigacións para aplicar modelos matemáticos á produción de enerxía, e aos seus efectos sobre a contaminación atmosférica.
Entre as intervencións dos outros invitados que participan na Conferencia atopamos temas tan diversos coma a aplicación das matemáticas para realizar procesos de purificación de augas, producir envases lixeiros para líquidos ou conseguir que as baterías dos coches eléctricos podan cargarse dun xeito máis rápido. A participación galega, ademais da propia organización, se completa coa organización dun pequeno congreso dentro da propia ECMI no que se presentarán cinco casos de éxito na colaboración entre as matemáticas e as aplicacións desenvolvidas por cinco empresas: Ferroatlántica I+D, Inaer, Tecnova Noruega, Repsol e Inova.
‘Notamos menos os recortes porque tivemos investimentos de capital privado’Quintela sinala que un dos aspectos que se pretenden potenciar con este evento é a divulgación científica, por iso o martes 14 de xuño, no Auditorio Abanca de Santiago, terá lugar unha xornada titulada “O camiño matemático cara ós Oscars”, no que intervirán, entre outros, Joseph M. Teran, da Universidade de California, que falará sobre a aplicación das matemáticas no proceso de creación dos efectos especiais da película Frozen. As aplicacións das matemáticas ao cine tamén serán o obxecto das presentación de Xenxo Alvarez, da empresa Ottiplanet, e Ignacio Vargas de Next Limit Technologies.
A presidenta do comité organizador agarda que a celebración da ECMI en Santiago permita abrir novas vías de colaboración entre os diversos grupos de investigación. A facultade de Matemáticas da USC tivo nos últimos anos diversos recoñecementos que a sitúan entre os centros universitarios máis importantes de Europa. Quintela lembra que o recoñecemento á calidade da formación impartida nesta facultade é consecuencia do traballo de moita xente. “Fomos pioneiros en moitas cousas, por exemplo no favorecemento da matemática industrial e a súa vinculación coa empresa”, indica Quintela, que tamén subliña a aposta pola investigación feita nun centro que obtivo unha repercusión “moi importante” dos seus traballos, tanto en España coma no estranxeiro.
“O apoio á investigación non é suficiente aínda que nós notamos menos os recortes porque tivemos investimentos do capital privado para financiar investigacións xa en marcha. Un dos problemas máis importantes é a falta de relevo xeracional na investigación e tamén o incremento da carga de traballo dos profesores que afecta á súa actividade investigadora”, conclúe Quintela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario