A Real Academia Galega e a Fundación Barrié
renovaron o Portal das
Palabras e entre as novidades postas en xogo atópase
unha aplicación que nos achega a definición de calquera termo
acubillado na rede social Facebook. A aplicación, en realidade
un bot (programa informático
xeralmente de miúda envergadura e que, para a súa funcionalidade
específica, ten a capacidade de operar coma se dun usuario humano se
tratase), fornece de contado o resultado da nosa procura.
Chámase “Dicionario RAG” e opera directamente no servizo de
mensaxería instantánea da dita rede social. A idea da entidade é
lanzar en datas vindeiras aplicacións semellantes para Telegram e
Whatsapp.
Estes
e outros recursos novos foron dados a coñecer pola RAG dende a súa
sede da rúa Tabernas na Coruña. A renovación da dita web
abrangueu optimizacións na propia páxina de seu, melloras no
Dicionario RAG (o feminino dos termos con variacións de xénero,
conxugacións verbais) e novas versións para móbiles. Tamén se
inclúe no paquete unha versión de xogos específica para
dispositivos móbiles. Na presentación participaron os presidente da
RAG e da Fundación Barrié, Xesús Alonso Montero e José María
Arias, respectivamente, que coincidiron na necesidade de impulsar ao
máximo o medre do Portal das Palabras para botar as raizames máis
fondas posíbeis na sociedade galega. Ademais, tamén coincidiron na
pertinencia de impulsar a web cara ao exterior, “atopando
instrumentos para compartir a nosa experiencia e recibir a
experiencia allea”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario