A semana do 27 do xuño ao 1 de xullo de 2016 celebrarase o IV Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo, organizado pola USC. Trátase
dun campamento científico con actividades eminentemente prácticas que
teñen como obxectivo achegar a investigación ao alumnado
preuniversitario, así como fomentar o seu interese polas titulacións
científicas, técnicas e sociais. O Campus inclúe máis de 50
obradoiros, visitas e demostracións e 27 proxectos en todas as áreas do
coñecemento, que son realizados por máis de 100 docentes da USC, así
como persoal técnico de todos as facultades lucenses.
Nesta cuarta edición participarán 133 mozos e mozas, dos
cales 30 xa asistiron ao campus o ano pasado. Para este alumnado
veterano deseñouse un programa especial que inclúe novas actividades
coma visitas á Estación Científica do Courel, ao Castro de Viladonga ou
ao Hospital Universitario Lucus Augusti ou o taller de modelado e
impresión 3D.
O alumnado novo pode elixir entre numerosas actividades nas diversas áreas do coñecemento, como demostracións
de química e robótica, talleres de clínica veterinaria, nutrición,
roles de xénero, traballo en equipo, técnicas agrícolas..., visitas ao
Hospital Veterinario Rof Codina ou á Aula de Produtos Lácteos.
Un total de 27 proxectos que se realizan polas tardes en grupos moi
reducidos: Microscopia electrónica, Resonancia Magnética Nuclear,
Xeorradar, Controlador Raspberry Pi, Cociña molecular, Fotosíntese
artificial, Simulador de ondas mariñas, Árbores en tubos de
ensaio, Medir árbores con raio láser, Guiar tractores con GPS...
Haberá, ademais, xincanas científicas (con diversas probas que
terán que superar), aulas de teatro ou unha demostración de robótica
(Robots ao servizo da xente). O alumnado de fóra de Lugo conta con
aloxamento coa tutela de monitores titulados e, como novidade nesta
edición, ofértase un programa lúdico para todos os participantes á saída
do Campus
Neste enlace pódese consultar o programa completo. E aquí están dispoñibles varios vídeos que recollen algunhas das actividades realizadas nas edicións anteriores do Campus.
Ningún comentario:
Publicar un comentario