martes, 21 de xuño de 2016

Reclaman a “fin do Apartheid” para o reintegracionismo dentro da cultura galega

Vén de publicarse na rede un manifesto que demanda, facendo comparanza coa discriminación racial, a igualdade de oportunidades para a escrita reintegracionista na publicación de libros, nos premios literarios, nos movementos en defensa da lingua... “O reintegracionismo fai parte da cultura en lingua galega”, afirman. 

O texto defende que “o reintegracionismo xogou o seu papel nas marxes mais non pode continuar alá. Fai parte da cultura en lingua galega” e reclama que alguén dea un paso á frente, sinalando directamente os aludidos: “As grandes editoras (Xerais e Galaxia á cabeza), os movementos sociais en defensa da lingua (Queremos Galego, A Mesa), as asociacións que velan por unha cultura ameazada (as de escritores/as, editoras e librarías) deben darnos entrada. Urxentemente. Para a Rosa Parks ocupar a cadeira baleira, a da vergoña”.
No manifesto, no que se reclama o apoio tamén dos 'isolacionistas', denúnciase que “ser reintegracionista é hoxe na Galiza non poder subir ao autocarro da literatura galega”, en referencia ao coñecido episodio da activista negra Rosa Parks. “As editoras galegas profesionais non publican fóra da normativa en vigor, cualificada de oficial”, afirman, e os premios literarios “exclúen aqueles textos que non obedezan fielmente os ditados da Academia”.
Na tarde da sexta feira, o texto estaba asinado por máis de 200 persoas, maiormente do mundo académico e da cultura. Entre eles hai editores como Afonso Ribas (Laiovento) ou Celia Recarey (Irmás Cartoné); políticos como Carme Adán, Xosé Manuel Beiras ou Olalla Rodil; profesores universitarios como Carlos Quiroga, Carlos Taibo, Olga Castro ou a propia Teresa Moure; músicos como Davide Leira ou Eliseu Mera; o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira; e escritores como Xina Vega, Sechu Sende, Mario Regueira ou Igor Lugrís.

Ningún comentario:

Publicar un comentario