AS “OPOSICIÓNS DO SÉCULO” DA VOZ DE GALICIA A CINCO DÍAS DAS ELECCIÓNS: CAMUS PASÁRONO DE NOITE
Hoxe A Voz de Galicia vén de publicar o seguinte titular: “Llegan las oposiciones del siglo en Galicia”. O de chegar está moi ben porque parece que as oposicións tiveran vida propia e por riba un alto espírito cívico, ao igual có titular; as oposicións chegan no ano de eleccións e este titular, en alarde de puntualidade suíza, chega a cinco días da celebración dos comicios deste domingo. Viva a precisión horaria galega! Viva a engranaxe da Voz coa Consellería!
Así que guiados por aquela máxima de “non deixes que a realidade che estrague un bo titular”, A Voz aínda vai máis aló e sinala que “ as 1.112 convocadas por la Consellería de Educación duplican las ofertadas en el 2015 y multiplican, por mucho, las aprobadas en la comunidad gallega en los últimos tiempos”.
Diante destas afirmacións tan propicias aos intereses dalgúns dos actores implicados e sen discutir a importante contribución que A Voz de Galicia veu facendo nestes anos ao xénero da literatura fantástica galega, cómpre sinalar algúns datos obxectivos, publicados pola propia Consellería e de público coñecemento:
- Que dende a chegada en 2009 de Feijoó á Xunta, o Ensino Público perdeu 1.198 mestres e 95 profesores, pasando de 15.178 a 13.980, namentres os centros privados gañaban 20 profesores e os centros concertados gañaban outros 16.
- Que, por exemplo, no ano 2008, previo á chegada do goberno do PP, convocáronse 1.914 prazas, fronte ás 1.102 prazas que se convocan este ano.
- Que no ano 2007 convocáronse 3.073 prazas.
Madia leva, Carmiña! Logo destes anos de destrución de emprego público e de derrube do Ensino por parte da Xunta, os dirixentes populares súmanse á “teoría invertida da vaca”: lancémosle el caldero lleno de leche a la vaca por su cabeza y luego ordeñémosla.
Acaso esas prazas que convocan supoñen que van aumentar os postos de traballo? Ou simplemente van dar estabilidade e cambiar a situación administrativa de persoas que van pasar de ser interinas a ser funcionarias? Porque de ser así, o Conselleiro estaría mentindo descaradamente, tal e coma vén facendo últimamente. Non se recuperarán os postos de traballo destruídos mentres non remate a brutal política de recortes no ensino público.
Conclúe maxistralmente a Voz de Galicia o seu Tratado da Invención ao xeito das grandes figuras da literatura, facendo aterrar de paseniño ao atribulado lector, xa totalmente entregado, deslizando unha suave sospeita sobre a integridade moral do sempre sospeitoso profesorado:
“¿Los docentes, observados para evitar que copien? Sí. Será el propio tribunal el que se encargue de esta tarea, paseando por las aulas y evitando cualquier tipo de trampa.”
Grande ovación, público en pé.
Abandonando o ton lírico en que nos adentrou A Voz, dende o STEG lamentamos que algúns medios de comunicación renunciasen dende hai tempo a seren altofalantes da verdade, da información e da independencia, pasando a conformaren unha perfecta engranaxe co actual goberno da Xunta de Galiza, servíndolle de correa de transmisión.
Pensamos tamén, con Camus, que o rigor e a veracidade deben ser valores innegociábeis para o xornalismo e que a pervivencia dun medio de comunicación debe vir dada por facerse imprescindíbel para a cidadanía a quen informa, non por contentar ao poder que o subvenciona e de quen depende.
Di Camus: “Cómpre probar cun método totalmente novo que sería a xustiza e a xenerosidade. Pero isto só se expresa nos corazóns xa ceibes e nos espíritos aínda clarividentes. É a nosa responsabilidade formar eses corazóns e esas cabezas ou mellor espertalos; será a tarefa á vez modesta e ambiciosa que lle tocará ao xornalismo independente. A Historia terá en conta ou non estes esforzos. Pero haberá que facelos”.
Por desgraza, nada disto último lemos dende hai tempo nalgún medio de comunicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario