O proxecto CrossCult
é unha iniciativa europea na que participan unha ducia de socios de
sete países europeos e unha manchea de investigadoras e
investigadores das novas tecnoloxías, as ciencias e as humanidades.
O
obxectivo: optimizar o coñecemento de Europa a través da conexión
dos seus bens culturais. A iniciativa vén de acadar unha
subvención de máis de 3,5 millóns de euros e ten a súa orixe en
2014, nas conversacións entre investigadores do Luxembourg Institute
of Science and Tecnology, LIST e as universidades de Vigo e do
Peloponeso, que desde 2007 coincidían en congresos especializados na
área da web semántica e os sistemas de información intelixente.
CrossCult, en termos máis concretos, busca tirar proveito da
tecnoloxía da web semántica para fomentar a reutilización de todo
o volume de contido dixital que xa existe, “máis aló da área de
influencia dun museo concreto”.
Así nolo contan os
grupos participantes da Universidade de Vigo: o grupo de
investigación en Servizos para a
Sociedade da Información (GSSI) de AtlantTIC,
e o Grupo de Estudos de
Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, da Facultade de
Historia do Campus de Ourense. O primeiro equipo de investigadores
achegará, dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, un
sistema que, a través de bases de datos e algoritmos, sexa quen de
descubrir as relacións entre os recursos culturais. Pola súa banda,
o grupo de historiadoras traballará na identificación de contidos e
posíbeis interrelacións.
Xunto á institución académica
viguesa, a do Peloponeso e o LIST, que coordina o proxecto,
participan en CrossCult, a National Gallery e a University College
London de Reino Unido, o Centre Virtuel de la Connaissane sur
l’Europe de Luxemburgo, o Centre National de la Recherche
Scientifique de Francia, a Università Tà Malta, a Università degli
Studi di Padova de Italia, o Tecnologiko Ekpaideftiko Idryma Athinas
de Grecia e a empresa española GVAM Guías Interactivas S.L.
Segundo informa a
Universidade de Vigo, CrossCult arrinca no seu desenvolvemento (de
aquí até 2019) “co deseño de catro pilotos cos que explorar os
desafíos e oportunidades duns escenarios que van de Londres a Lugo,
pasando por Chaves, Epidauro, Trípoli, Luxemburgo e A Valetta”. O
primeiro dos escenarios, un gran museo multitemático, desenvolverase
na National Gallery de Londres “coa finalidade de enriquecer a
experiencia dos e das visitantes, para que cada día se podan contar
historias novas, que interconecten recursos que están en diferentes
localizacións”.
O segundo piloto trata de interrelacionar
institucións culturais de distintos países tentando atopar
elementos comúns para contar historias que remitan a feitos
concretos. A materialización deste proxecto contará coa
participación dos balnearios romanos de Lugo e Chaves, así como do
xacemento de Montegrotto Terme en Italia e o teatro grego de
Epidauro.
O terceiro dos pilotos desenvolveríase en museos
pequenos que queren sacar o máximo partido dos seus recursos
relacionándoos con temas de actualidade ou de interese para cada
usuario ou usuaria, mentres que o cuarto céntrase en Cidades
Intelixentes, con rúas que poden contar todo tipo de historias a
persoas procedentes doutros lugares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario