O curso de verán de dinamización lingüística chega á súa XII edición para debruzarse sobre a situación e perspectivas do idioma no mundo empresarial.
Nova edición do curso de verán #traballandoenlingua 2016, un encontro anual estabilizado que chega á súa XII edición. Ao igual que nas anteriores, a finalidade é a mesma: “Analizar, debater, reflexións e propostas prácticas de cara á mellora do proceso de normalización da lingua galega, traballando o discurso, os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos, etc..”Desta vez, representantes do ámbito da lingua e do sector empresarial reuniranse os días 6 e 7 de xullo de 2016 no Fórum Carballo para traballar sobre o uso e o prestixio do galego no ámbito socioeconómico. O programa inclúe sesións para analizar a situación da lingua galega no ámbito da empresa e o comercio, os motivos desa situación e os factores e condicionantes que a provocan e que poden ser claves para mellorala. Tamén se darán a coñecer e avaliaranse experiencias positivas sobre o uso da lingua galega, ou que procuran o uso do galego en comercio, empresa produtos ou publicidade. Finalmente proporanse medidas de intervención que procuren mellorar o uso e o prestixio da lingua galega neses ámbitos.
Cuarta feira, 6 de xullo: presentación do Plan de dinamización da lingua no tecido económico 2015-2020 por parte do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez. A continuación será a vez do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure, que falará da lingua como valor positivo de identificación empresarial. A mañá do primeiro día rematará cunha mesa redonda con representantes de empresas de diverso tipo que destacan polo uso do galego na comunicación, como é o caso de R, Deleite e Todo Lar. Xa pola tarde, o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo fará unha análise sobre os espazos da lingua galega no ámbito socioeconómico. A continuación, Xosé González, voceiro do Foro Enrique Peinador falará da experiencia deste grupo de empresas a prol do uso da lingua propia. Tamén haberá unha análise sobre o uso do galego na publicidade, que fará Chechu Pérez, publicista da Universidade de Vigo. Rematará a primeira xornada coa intervención da artesá zoqueira Elena Ferro (Eferro) sobre a dignificación e posta en valor do propio.
Quinta feira, 7 de xullo: comezarase falando da paisaxe lingüística comercial a partir do exemplo de Carballo. Un traballo que farán as xornalistas Paula Vázquez e Noelia Antelo, que tamén guiarán un paseo comentado pola paisaxe lingüística comercial polas rúas, feira e mercado de Carballo, combinado con arte urbana. A continuación, a presidenta da Unión de Consumidores/as de Galicia (Ucgal), Ana Olveira, falará da lingua como valor para as persoas consumidoras, e o xestor internacional e profesor da Universidade da Coruña, Jakson Renner, falará sobre o galego como valor turístico. Rematará a mañá coa intervención de María Xosé Jamardo Curros (Grupo Alfas) sobre as potencialidades do galego nas empresas de novas tecnoloxías. Xa pola tarde, representantes das empresas Imaxín, Reverso e Fabaloba contarán as súas experiencias sobre os servizos para a posta en valor da lingua nas empresas e, a continuación, o decano de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Anxo Calvo, falará sobre o papel da lingua na responsabilidade social corporativa das empresas. Rematará o curso cunha análise e debate de conclusións e ideas para un mellor futuro do galego no ámbito empresarial, algo que guiará o comunicador, xestor e escritor Ramón Vilar Landeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario