Búscase o traballo colaborativo entre a USC e as empresas de Galicia e Norte de Portugal.
Spin&Up é un proxecto promovido polo Concello de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Empresarial do Tambre e as empresas da contorna. A través desta acción buscan fomentar o traballo colaborativo entre os investigadores da USC e as empresas da área Empresarial do Tambre buscando novas liñas de traballo e colaboración ou reforzando as que xa existen. O proxecto foi o tema central dunha xornada de presentación celebrada este martes no edificio Cersia coa participación de representantes do tecido empresarial así como do ámbito investigador.Na inauguración participaron o reitor Juan Viaño, ademais do alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; do presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel Noya; do vicepresidente de TecMinho, Jaime Ferreira da Silva; e da representantes de AlMinho, Martinha Sampaio. “Podemos e debemos facer das universidades o gran laboratorio de I+D das nosas Pemes” dixo Viaño aludindo á terceira misión das institucións universitarias, a de transferencia de tecnoloxía a sociedade, “unha obriga pero tamén unha oportunidade”. Na súa opinión este labor permite “render beneficios sociais, crear emprego e valor engadido” ao traballo do persoal investigador e ofrece unha ”oportunidade de achegarse ao mercado para aprender qué nos demanda”.
“Debemos facer das universidades o gran laboratorio de I+D das nosas Pemes”Unha ampla traxectoria da USC neste eido, a través de iniciativas pioneiras como a incubadora Uninova ou a creación de unidades mixtas de investigación, dan respaldo o proxecto Spin&Up, iniciativa que “vai un paso máis alá ao pretender que a creación de empresas sexa non só de carácter universitario senón de carácter mixto –do eido universitario e empresarial-, na medida que sexamos quen de resolver retos innovadores, necesarios para manter ou incrementar a competitividade do sector empresarial”. Viaño lembrou tamén a presenza da perspectiva de xénero no desenvolvemento do proxecto, “ao incluír na metodoloxía de traballo os procedementos recentemente elaborados no marco do proxecto Innovatia 8.3”.
Segundo se puxo de manifesto na presentación deste martes, o desenvolvemento do proxecto permitirá impulsar a creación dunha comunidade transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal de núcleos locais de transferencia baseados na colaboración entre o espazo universitario, as incubadoras empresariais, asociacións de empresarios e concellos, así como fomentar a creación de Pemes de base tecnolóxica e partir do modelo de negocio de innovación aberta e que respondan ás necesidades tecnolóxicas de áreas produtivas estratéxicas presentes no entorno local.
Logo do acto inaugural, o conselleiro delegado da incubadora de empresas da USC –Uninova, José Manuel Cotos Yáñez, realizou unha presentación do proxecto ao que seguiron as intervencións de Mónica Suárez Gómez e Fernando Rafael Pardo Seco, de Uninova e da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), respectivamente, falando sobre innovación aberta e propiedade industrial.
A xornada completouse cunha mesa redonda sobre as vantaxes e inconvenientes da relación Universidade-Empresa, que contou co testemuño do secretario xeral do grupo Finsa, José Carballo García; da catedrática e coordinadora do grupo BioFarma, Mabel Loza García; do director xeral de Estratexia da Cooperación de Televés, José L. Fernández Carnero; e a integrante do grupo de Aplicacións Enerxéticas Sustentables, a profesor María Ángeles López Agüera.
Ningún comentario:
Publicar un comentario