Dende 2012 en España a compensación equitativa por copia
privada (popularmente coñecida como “canon da SGAE” ou "canon dixital") sufrágase con cargo os
Orzamentos Xerais do Estado mediante un sistema que determina anualmente a
cantidade da compensación dentro dos límites orzamentarios establecidos para cada exercicio, o que consideraron inxusto
dende varias entidades de xestión colectiva de dereitos de autor, que
solicitaron ao Tribunal Supremo que anulara a normativa española en 2013. O
Tribunal Supremo optou por trasladar a consulta ao Tribunal de Xustiza da Unión
Europea, que finalmente ditou sentenza asegurando que a
Directiva europea que establece o marco xurídico harmonizado dos dereitos de
autor dende 2001 oponse ao sistema español, que non asegura que o custo da
compensación equitativa sexa soportado, en último termo, polos usuarios de
copias privadas.
A Directiva non se opón a que os Estados membros que introduzan a excepción de
copia privada opten por financiala con cargo aos Orzamentos Xerais (como tamén
fan en Estonia, Finlandia e Noruega), pero en tal caso esíxese que ese sistema
alternativo garanta o pagamento dunha compensación equitativa a favor dos
titulares dos dereitos, por un lado, e que as súas modalidades garantan a súa
percepción efectiva, por outro.
O Tribunal de Xustiza considera que a excepción de copia privada concibiuse en
beneficio exclusivo das persoas físicas que poden efectuar reproducións de
obras para uso privado sen fins comerciais, pero as persoas xurídicas están
excluídas do dereitos a acollerse a esta excepción, e o Tribunal indica que o
sistema establecido en España non pode garantir que o custo da compensación só
sexa sufragado polos usuarios de copias privadas. Amais, tampouco se demostrou
que en España exista un mecanismo que permita ás persoas xurídicas a exención
da obriga de contribuír a financiar esta compensación ou, cando menos,
solicitar a devolución desta contribución.
Queda agora por ver como resolve este asunto o Tribunal Supremo tras constatar
que a normativa vixente actualmente é contraria á Directiva europea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario