venres, 10 de xuño de 2016

As universidades galegas conxelan un curso máis as matrículas e seguirán sendo as máis baratas

A medida supón un aforro de 25 millóns de euros ao ano para as familias con fillos estudantes no Sistema Universitario de Galicia.

As tres universidades galegas conxelarán, un ano máis, os prezos públicos de matrícula de grao e máster. Así, Galicia seguirá a ser a comunidade autónoma cos prezos públicos medios das matrículas de graos e máster universitarios más baixas de todo o territorio estatal no vindeiro curso 2016-2017, o que supón un aforro 25 millóns de euros ao ano para as familias con fillos estudantes no Sistema Universitario de Galicia (SUG).
O acordo foi aprobado nunha xuntanza co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no Consello Galego de Universidades (CGU), no que se deu o visto e prace á decisión da Xunta de manter conxelados os prezos.
Deste xeito, o prezo medio das primeiras matrículas de grao (que representan preto dun 83% do total) mantense en 11,89 euros/crédito, o máis baixo de España; mentres que o dos máster é dunha media de 26,49 euros, 12,63 euros por debaixo da media estatal.
O CGU analizou, ademais, a información sobre os non pagamentos de matrícula, facilitada polas propias universidades do SUG. A este respecto, o conselleiro solicitou de novo ás universidades unificar criterios para o rexistro destes datos, dado que a súa heteroxeneidade imposibilita realizar unha análise conxunta dos mesmos e da súa evolución. En calquera caso, segundo as cifras dispoñibles, os impagos presentan unha tendencia á baixa nas tres universidades galegas.
BOLSAS
O conselleiro informou tamén ás universidades do compromiso do MECD para cambiar o Real Decreto polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2016-2017, que rexerán as convocatorias do Ministerio do ramo, que incluiría unha nova redacción do seu artigo 11, a instancias da Xunta de Galicia.
A nova redacción do decreto de bolsas establecería que “a suma dos valores catastrais das construcións situadas en fincas rústicas, excluídos o valor catastral da construción que constitúa a vivenda habitual da familia, non poderá superar os 42.900 euros, sendo aplicables a ditas construcións os coeficientes multiplicadores, en función do ano no que se efectuara a última revisión catastral”. É dicir que, a diferenza da redacción anterior, establécese un apartado específico para as construcións –que non sexan vivenda habitual– situadas en fincas rústicas e, tamén a diferenza do anterior texto, ás construcións en fincas urbanas, aplícaselles un coeficiente redutor que evita que se eleve o seu valor catastral.
En calquera caso, ademais de aplicarlles este coeficiente redutor, as familias con construcións agropecuarias –galpóns, etc.– terán para elas, así como as demais construcións en fincas rústicas que non sexan vivenda habitual, un tramo máximo de 42.900 euros. Pola contra, coa redacción anterior do decreto, o tramo máximo tanto para estas construcións como para as fincas rústicas –chan rústico– era de 13.130 euros, tendo en conta ademais que non se lle aplicaban criterios redutores.
Deste xeito, sepárase o apartado das construcións en fincas rústicas –nas que se inclúen as de uso agropecuario–, cun tramo máximo de 42.900 euros e con coeficientes redutores; do dedicado só ao chan rústico, neste caso sen as devanditas reducións, e que establece que “a suma dos valores catastrais das fincas rústicas excluídos os valores catastrais das construcións que pertenzan aos membros computables da familia non poderá superar 13.130 euros por cada membro computable”.
Polo tanto, a nova redacción do decreto de bolsas incrementaría considerablemente os tramos de renda para o patrimonio en fincas rústicas, ao separar as construcións do chan rural en dous apartados diferentes con cadanseu tramo máximo; ademais de aplicarlle coeficientes redutores ás construcións de uso agropecuario.


Ningún comentario:

Publicar un comentario