luns, 27 de xuño de 2016

Trinta persoas fórmanse en Pontevedra no potencial didáctico dos brinquedos interactivos

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo desenvolve ao longo deste mes o curso Ensinar ciencias con xoguetes interactivos e encerado dixital. Unha educación para o século XXI. Trátase dunha actividade de Extensión Universitaria (forma parte dos cursos de verán da Virreitoría do Campus de Pontevedra) dirixida polos profesores María Álvarez Lires e Francisco Serralé e que conta coa participación de 30 estudantes. O obradoiro, co obxectivo de conseguir que os medios empregados reforcen ao máximo os contidos, estase a impartir por enteiro con encerado dixital: o acubillo e canle de todas as actividades interactivas. Trátase da terceira edición do curso e a súa principal novidade con respecto a anteriores edicións radica, precisamente, nun uso aínda máis integral das novas ferramentas.
Nun plano máis concreto, entre as novidades desta edición atópase un achegamento ao programa de simulación Algodoo, ao robot emocional Aisoy e á programación por bloques e a través de encerados dixitais. Segundo informan os responsábeis do obradoiro, o gran obxectivo deste é “amosar ao alumnado o que as novas tecnoloxías poden achegar ao ensino”. Tecnoloxías como por exemplo os brinquedos interactivos con potencial docente, aplicábeis por exemplo para desenvolver as competencias recollidas nos currículos de Infantil e Primaria.
Ademais, no marco dun dos proxectos de innovación educativa aprobados pola facultade para o presente ano académico, o curso afonda tamén no potencial didáctico das aulas virtuais e dos libros interactivos. E tamén da realidade aumentada. Estas liñas formativas, informan os docentes, foron abertas grazas a un convenio co CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario