Finalmente entregáronse
este luns os premios (cinco) da quinta edición do Concurso de Ideas
Empresariais Innovadoras da USC que convoca Uniemprende. Entre as
ideas recoñecidas figura unha ferramenta TIC: un asistente persoal
para persoas con problemas de memoria. Veu da man do estudante da
Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Ángel Rodríguez Cerdeira,
que achegou para a súa proposta innovadora unha tecnoloxía
directamente encamiñada a facilitar o día a día de persoas
afectadas por doenzas como o alzheimer ou a demencia.
O sistema ideado por
Rodríguez Cerceira estaría integrado nun reloxo intelixente
(smartwatch) e encargaríase de proporcionar ao usuario
recordatorios sobre as cousas que ten que facer como, por exemplo,
tomar os medicamentos; responder preguntas básicas que se lle
realicen ou indicar o camiño de volta a casa.
Tamén se recoñeceu o
empuxe innovador dun corrector adaptativo de astigmatismo (proxecto
de Eva Acosta e Justo Arines, de Óptica e Optometría), un sistema
de secado de sangue en matadoiros (de José Manuel Magide e Hiram
Varela, da EPS de Lugo), un servizo de depuración-reutilización de
augas residuais procedentes da acuicultura (o proxecto
Greenaquaculture de Silvia Calaza Mosquera, Cristina Balagones
Domínguez e Gregorio Rivadeneira Torres) e unha ferramenta para o
fomento da creatividade fóra do contexto escolar (Creative Loading,
das psicólogas educativas Noelia Villaverde e Sara Vidal).
Das 147 ideas aceptadas
nesta edición, o 49 % foron presentadas por mulleres e o 51% por
homes, na súa meirande parte estudantes. Por áreas de coñecemento,
destaca a de ciencias xurídicas e sociais, que agrupa o 50% das
ideas presentadas, seguida polas ensinanzas técnicas co 18%, as
ciencias experimentais e da saúde cun 12% e finalmente ciencias
humanas cun 8%.
A entrega de premios celebrouse este luns
no Paraninfo da Universidade nun acto que presidiu o reitor Juan
Viaño e no que tamén participaron o secretario xeral de
Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director da Área de
Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; a secretaria xeral de
Emprego, Covandonga Toca Carús; a secretaria xeral de Igualdade,
Susana López Abella; e o adxunto ao reitor para Transferencia,
Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario