Os estudantes
(un total de 60) do programa de doutoramento Doc_TIC, impulsado pola
Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Centro de
Investigación AtlantTIC, participaron este luns nunha xornada de
seguimento que serviu, entre outras cousas, para que deran a
coñecer os seus proxectos de investigación e, tamén, o seu plan de
traballo para o vindeiro curso (no que rematarán os seus estudos de
posgrao). Segundo fixeron saber os responsábeis do centro AtlantTIC,
a xornada levouse a cabo con dous grandes obxectivos: primeiro, que o
alumnado expuxera os traballos desenvolvidos até o e agora e máis a
súa folla de ruta, e segundo, que o profesorado tivera a
oportunidade de valorar a formación dos estudantes con vistas a
elaborar o traballo docente do próximo curso.
Por temáticas, as
iniciativas amosadas foron do máis variado, malia ter como nexo
común as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as
TIC): cubrise todo espectro de coñecemento das telecomunicacións.
Así, por exemplo, houbo investigacións sobre o deseño e
fabricación de novas antenas e amplificadores de potencia, e tamén
sobre ferramentas para recomendar contidos audiovisuais segundo os
gustos de cada quen, entre outros moitos achados tecnolóxicos. Os
tribunais, de feito, salientaron “o elevado nivel dos proxectos
exhibidos, tanto dende o punto de vista da investigación, como da
presentación formal dos mesmos”.
O programa da xornada
completouse coa conferencia do investigador Bipin Indurkhya, profesor
na AGH University of Science and Technology de Polonia, titulada
Experimentos mentais, modelos e o poder heurístico de metáforas
na ciencia. Na súa intervención centrouse na relación entre a
realidade e os modelos científicos, a través do papel dos
experimentos mentais e metáforas na mesma. Segundo lembra a
Universidade de Vigo, arestora Indurkhya está investigando sobre
metáforas visuais, creatividade computacional, computación afectiva
multimodal, aplicación da ciencia cognitiva para deseñar interfaces
intuitivas e o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas para
axudar á cognición e á comunicación para nenos autistas e
disléxicos.
Polo que respecta a
DocTIC, constitúe o máis recente paso dos programas de doutoramento
anteriores en Teoría do Sinal e Comunicacións (TSC) e Enxeñaría
Telemática (IT) e ten como obxectivo “formar os mellores
profesionais e investigadores no eido das TIC e xerar investigación
de calidade e impacto internacional, así como proporcionar á
industria profesionais con coñecementos avanzados que permitan ás
empresas mellorar a súa competitividade a escala global”. Dos 60
alumnos matriculados neste programa de doutoramento, un 15% proveñen
de distintas rexións do mundo como Latinoamérica, Portugal,
Balcáns, o Magreb ou Turquía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario