luns, 27 de xuño de 2016

Sobre propaganda xornalística

AS “OPOSICIÓNS DO SÉCULO” DA VOZ DE GALICIA A CINCO DÍAS DAS ELECCIÓNS: CAMUS PASÁRONO DE NOITE

Hoxe A Voz de Galicia vén de publicar o seguinte titular: “Llegan las oposiciones del siglo en Galicia”. O de chegar está moi ben porque parece que as oposicións tiveran vida propia e por riba un alto espírito cívico, ao igual có titular; as oposicións chegan no ano de eleccións e este titular, en alarde de puntualidade suíza, chega a cinco días da celebración dos comicios deste domingo. Viva a precisión horaria galega! Viva a engranaxe da Voz coa Consellería!

Así que guiados por aquela máxima de “non deixes que a realidade che estrague un bo titular”, A Voz aínda vai máis aló e sinala que “ as 1.112 convocadas por la Consellería de Educación duplican las ofertadas en el 2015 y multiplican, por mucho, las aprobadas en la comunidad gallega en los últimos tiempos”.

Diante destas afirmacións tan propicias aos intereses dalgúns dos actores implicados e sen discutir a importante contribución que A Voz de Galicia veu facendo nestes anos ao xénero da literatura fantástica galega, cómpre sinalar algúns datos obxectivos, publicados pola propia Consellería e de público coñecemento:
  • Que dende a chegada en 2009 de Feijoó á Xunta, o Ensino Público perdeu 1.198 mestres e 95 profesores, pasando de 15.178 a 13.980, namentres os centros privados gañaban 20 profesores e os centros concertados gañaban outros 16.
  • Que, por exemplo, no ano 2008, previo á chegada do goberno do PP, convocáronse 1.914 prazas, fronte ás 1.102 prazas que se convocan este ano.
  • Que no ano 2007 convocáronse 3.073 prazas.
Segue A Voz de Galicia neste alegre artigo, xa co disfrace de Tolkien, indagando no ignoto terreo da fantasía e da invención, introducindo algún bit de realidade, coa seguinte declaración do Conselleiro, atento lector de Bradbury: «con la oferta de este año se pretende mejorar la estabilidad laboral de los docentes y recuperar el número de profesores que había en el 2009».

Madia leva, Carmiña! Logo destes anos de destrución de emprego público e de derrube do Ensino por parte da Xunta, os dirixentes populares súmanse á “teoría invertida da vaca”: lancémosle el caldero lleno de leche a la vaca por su cabeza y luego ordeñémosla.

Acaso esas prazas que convocan supoñen que van aumentar os postos de traballo? Ou simplemente van dar estabilidade e cambiar a situación administrativa de persoas que van pasar de ser interinas a ser funcionarias? Porque de ser así, o Conselleiro estaría mentindo descaradamente, tal e coma vén facendo últimamente. Non se recuperarán os postos de traballo destruídos mentres non remate a brutal política de recortes no ensino público.

Conclúe maxistralmente a Voz de Galicia o seu Tratado da Invención ao xeito das grandes figuras da literatura, facendo aterrar de paseniño ao atribulado lector, xa totalmente entregado, deslizando unha suave sospeita sobre a integridade moral do sempre sospeitoso profesorado:

“¿Los docentes, observados para evitar que copien? Sí. Será el propio tribunal el que se encargue de esta tarea, paseando por las aulas y evitando cualquier tipo de trampa.”

Grande ovación, público en pé.

Abandonando o ton lírico en que nos adentrou A Voz, dende o STEG lamentamos que algúns medios de comunicación renunciasen dende hai tempo a seren altofalantes da verdade, da información e da independencia, pasando a conformaren unha perfecta engranaxe co actual goberno da Xunta de Galiza, servíndolle de correa de transmisión.

Pensamos tamén, con Camus, que o rigor e a veracidade deben ser valores innegociábeis para o xornalismo e que a pervivencia dun medio de comunicación debe vir dada por facerse imprescindíbel para a cidadanía a quen informa, non por contentar ao poder que o subvenciona e de quen depende.

Di Camus: “Cómpre probar cun método totalmente novo que sería a xustiza e a xenerosidade. Pero isto só se expresa nos corazóns xa ceibes e nos espíritos aínda clarividentes. É a nosa responsabilidade formar eses corazóns e esas cabezas ou mellor espertalos; será a tarefa á vez modesta e ambiciosa que lle tocará ao xornalismo independente. A Historia terá en conta ou non estes esforzos. Pero haberá que facelos”.

Por desgraza, nada disto último lemos dende hai tempo nalgún medio de comunicación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario