O sector da Enxeñaría
Informática está a redobrar esforzos, a nivel estatal, na defensa
da profesión. O obxectivo: que o Goberno, ante novas regulacións en
curso, “recoñeza a cualificación profesional” das enxeñeiras e
dos enxeñeiros en Informática. Para as organizacións que integran
os diferentes colexios e entidades autonómicas (o CCII
e o CONCITI), é o intre de
xuntar forzas para esixir do Executivo “solucións urxentes”
tralo informe emitido polo Ministerio de Industria no que se exclúe
ao devandito sector respecto das enxeñarías no Recoñecemento de
Cualificacións Profesionais. Ás voces das organizacións CCII e
CONCITI uníuselles a fronte académica (CODDII) e os representantes
dos estudantes (RITSI). Este venres terán unha xuntanza en Madrid
para determinar as medidas a tomar antes unha situación que
cualifican de preocupante. Non se desbotan mobilizacións e mesmo
convocatorias de folga dos profesionais do sector.
Sinalar que o CONCITI
conta con representación galega a través do Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o CPETIG, e que o
CCII integra no seu seo ao Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia, o CPEIG.
A raizame da situación,
aínda que vén de antigo e baixo outras formas (as reclamacións dos
consellos e colexios a prol da defensa da profesión levan anos
facéndose ouvir, tanto dos nosos
enxeñeiros técnicos como dos
nosos enxeñeiros), está no último informe emitido polo
Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo sobre a modificación do
Real Decreto 1837/2008 sobre Recoñecemento de Cualificacións
Profesionais e que exclúe ao sector da Enxeñaría Informática.
Esta exclusión desencadeou unha vaga de críticas e reclamacións
dos profesionais, estudantes e colectivos do sector.
O pasado 9 de marzo
representantes do Consello Xeral de Colexios Profesionais de
Enxeñaría en Informática (CCII e CONCITI) e directores e decanos
de Enxeñaría Informática (CODDII) reuníronse con representantes
da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da
Información (SETSI) do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo,
para tratar o documento de alegacións ao redactado do Real Decreto e
co fin de “liquidar a anormal situación de recoñecemento dos
profesionais da informática”, así como para “evitar unha nova
discriminación respecto ao resto de enxeñarías na posta en marcha
da Tarxeta Profesional Europea”. Os profesionais, representados
polos consellos CCII e CONCITI (respectivamente os Consellos Xerais
de Colexios Profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría
Técnica Informática), os centros universitarios, representados por
CODDII (Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría
Informática) e os estudantes, representados por RITSI (Reunión de
Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática),
trasladaron hai meses ao Goberno, e en particular ao Ministerio de
Industria, as súas propostas respecto da devandita tarxeta: non só
para facilitar a súa mobilidade en Europa en igualdade de condicións
con respecto aos profesionais doutros estados membros, senón en
relación ao resto de enxeñeiros españois doutras especialidades.
No informe emitido agora
polo Ministerio, informan os consellos, de novo exclúense medidas
para “solucionar a situación da Enxeñaría Informática”.
Trátase, en palabras da fronte común do sector, “dun
inxustificábel veto por parte da Secretaría de Estado do Ministerio
para solucionar este problema”.
Segundo o presidente do
Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en
Informática, o galego Marcos Mata, “a situación actual está a
incrementar cada vez máis os agravios, tanto a nivel profesional
como académico, que vén sufrindo o noso colectivo a pesar de ser a
segunda titulación de enxeñaría con máis profesionais titulados.
É preocupante e triste a indiferenza que exhibe o Ministerio de
Industria coa nosa profesión e mire cara a outro lado malia que os
nosos profesionais son o motor da transformación dixital que
necesita a sociedade española”.
Segundo o presidente do
Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en
Informática, Juan Pablo Peñarrubia, “resulta alarmante que aínda
non se haxa resolto esta situación nun sector tan importante para a
competitividade. Os profesionais reclamamos solucións que corrixan a
actual situación anormal e discriminación respecto ao resto de
enxeñarías e a ameaza de penalización do noso profesionais
respecto ao resto de Europa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario