Estes días estase a celebrar en Santiago, no
Palacio de Congresos, a Feira de Innovación para o Emprego, edición
2016. Trátase dun escenario referencial para o encontro (e a
comunicación) entre empresas e estudantes, entre contratadores e
demandantes de emprego, entre quen ten un proxecto tecnolóxico en
mente e quen ten os recursos para convertelo en realidade. A FIE, que
vén da man da Concellería de Desenvolvemento Económico (co
obxectivo de “dotar de ferramentas e recursos 2.0 ás persoas
participantes”) está a xestionar arestora arredor de 150 ofertas.
O
encontro (que comezou onte e se estende até hoxe) foi inaugurado
polo alcalde Martiño Noriega e máis concelleira de Igualdade,
Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.
A concelleira aproveitou a súa estadía na FIE para
presentar os premios INDEA, que se convocan dende o Goberno local co
obxectivo de "potenciar ideas colaborativas para o emprego que
proveñan do diálogo entre a cidadanía, os axentes económicos e
sociais, e a comunidade educativa, en especial da Universidade e a
formación profesional". Trátase, máis polo miúdo, dun
certame concibido como un reto: un convite para os profesionais de
Santiago e contorna (axentes territoriais, actores da USC e centros
de FP, etc) poidan crear os escenarios axeitados para que haxa máis
e mellor colaboración e solidariedade arredor da xeración de
emprego.
Como dixemos, a FIE xestiona 142 ofertas de emprego
procedentes de 82 empresas ofertantes. Segundo fixeron saber o
alcalde e a concelleira, estas cifras confirman o potencial da feira
“como punto de encontro entre as compañías ofertantes e os
profesionais que buscan un posto de traballo”, e tamén consolidan
a capacidade do foro para formaren a uns e outros nas redes sociais e
nas novas ferramentas de busca e achega de emprego. A FIE rexistrou
máis de 3.300 inscricións nas ofertas e máis de 900 currículos
enviados.
Durante os dous días de celebración do foro hai máis
de 700 inscritos nas actividades formativas e máis de 1.000 nos
cursos previos levados a cabo, relacionados coas novas tecnoloxías e
a marca dixital na busca de emprego, vía e-learning e
webinar.
No marco do foro estase a formar aos
participantes en cousas como o uso dos portais de emprego de maneira
eficaz (Infojobs ou Infoempleo) ou en plataformas como Womenalia, a
primeira rede mundial de mulleres profesionais, ou BeBee,
nova e exitosa rede social de networking.
As
persoas participantes poden concorrer ademais en obradoiros prácticos
sobre as redes sociais Pinterest,
Google +,
Instagram,
Linkedin,
Twitter
ou Facebook.
Tamén haberá obradoiros de emprego de diversas
plataformas como re.vu
ou visualize.me
para facer un CV infográfico e atopar traballo grazas á creación
dunha marca persoal “dunha forma entretida e atractiva”,
sinalaron os organizadores da FIE, que engadiron que esta feira está
a servir, igualmente, para levar acabo actividades de introdución ás
posibilidades laborais de Vime ou YouTube, ou para formar aos
demandantes na creación de vídeo currículos.
Marta Lois salientou que “o foro é un espazo de
aprendizaxe e de coñecemento e recoñecemento de distintos soportes,
portais e ferramentas para que as persoas demandantes de emprego
poidan atoparse coas ofertas que máis se axustan ao seu perfil”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario