Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Héctor Silveiro ou Valentín Carrera reclaman que as Letras de 2017 para Fernández MoralesEntre os asinantes, Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Valentín Carrera, Xabier Lago Mestre, José Antonio Balboa, Ester Folgueral, Elena Soto ou Héctor Silveiro, membro da Comisión Cultural Martín Sarmiento e académico correspondente polo Bierzo da RAG. No escrito, destacan que "son varios os argumentos que acompañan a solicitude" que se trasladarán ao plenario da Academia. O primeiro, segundo o documento, "o valor intrínseco do libro Ensayos poéticos en dialecto berciano, é equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos" malia ser unha obra "desafortunadamente interpretada pola crítica galega e esquecida ata os anos 90".
Ademais, e segundo a petición destes persoeiros do mundo cultural berciano, o bicentenario do nacemento de Morales en 2017 "ofrece unha oportunidade innegable para promover e investigar sobre a súa figura, non o suficientemente divulgada e/ou coñecida". "É unha gran ocasión para afondar na riqueza patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación de xeito decisivo desta achega berciana á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos, sinceramente orgullosos", din.
O escrito dirixido á RAG cre que a escolla de Morales sería "un paso máis na defensa do galego no Bierzo, en situación dramática"Para este grupo de bercianos, a celebración de Fernández Morales "axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras da súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) e procurar novos espazos para o galego no Bierzo". Sería, segundo lembran á RAG, "un paso máis na defensa do galego no Bierzo, que está atravesando unha situación verdadeiramente dramática ao ser o territorio con maior perda de falantes", algo do que, segundo recordan, o propio Consello de Europa advirte, polo que aconsella intervir con "propostas que dinamicen o uso da lingua galega".
A petición, xurdida nas pasadas Xornadas Martín Sarmiento celebradas en Vilafranca en marzo, foi canalizando un importante número de adhesións a través da rede que xunto a outras iniciativas se divulgan no blog As Medulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo. Tamén conta co apoio de varias administraciois locais e comarcais, como a do presidente do Consello Comarcal e de varios alcaldes bercianos como os de Cacabelos, Vilafranca, Carucedo, Corullón, Balboa, Barxas ou Trabadelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario