En colexios como o Manuel Rivero de Lalín quedará baleira a aula pola proba.
Hoxe celébrase a primeira xornada da reválida de
sexto curso de Primaria. Un acontecemento que se afronta con normalidade
na maioría dos centros de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Nalgúns se
espera que sexan poucos os nenos deste curso que acudan a realizar a
proba, mentres que noutros se agarda que as ausencias sexan mínimas.
No colexio de Merza, onde este curso non hai ningún
alumno de sexto, non van ter ese problema, pero en cambio xa se preparan
para a de terceiro que se celebrará os días 24 e 25. Mentres, no
estradense do Foxo explican que xa tiveron unha reunión cos pais para
facilitarlles información sobre a proba, como vai desenvolverse, os
horarios e enviáronlles a perceptiva circular informativa. O mesmo
fixeron noutros centros da zona, onde explican que agora a decisión
final de enviar ou non aos alumnos a clase estes días, é xa cousa dos
proxenitores. De non realizar o exame terán que xustificar a falta como
se faría con calquera ausencia.
O poder de WhatsApp
No colexio Xesús Golmar de Lalín, a presidenta da
AMPA explica que os pais de sexto xa tiveron reunións pola súa conta. O
mesmo pasou no CEIP Manuel Rivero de Lalín onde os pais dos alumnos de
sexto abordaron esta cuestión entre eles. Neste caso, a creación dun
grupo de WhatsApp serviu para canalizar as opinións duns e outros. Onte
proxenitores da única clase de sexto coa que conta o centro apuntaban
que a decisión fora unánime e que a clase estará baleira os próximos
tres días despois de que decidisen non mandar aos seus fillos a clase. A
medida, ao parecer, contou coa reticencia dun ou dous pais, que
finalmente optaron por sumarse á decisión da maioría.
Do mesmo xeito que ocorre noutros centros, os pais
consideran que a reválida supón someter aos alumnos a un forte estrés. E
móstranse en contra deste tipo de probas defendendo que o que se
pretende é avaliar ao profesor e non ao alumno, entendendo que os
estudantes xa están sometidos ao longo do curso a unha avaliación
continua polo que non entenden este tipo de exames. Recordan que ademais
o resultado non vai influír na nota e será soamente orientativo.
Crítica
No colexio público de Silleda, a asociación de pais
convocou unha reunión, á que acudiron sobre todo pais de nenos de
terceiro de Primaria e poucos de sexto. A presidenta da asociación
explica que os pais dos nenos de terceiro apuntáronlles que
maioritariamente non ían mandar aos rapaces ao colexio os días das
probas. Desde a asociación non se ve con bos ollos este tipo de
reválidas.
Non todos os pais opinan o mesmo, outros o ven con
normalidade, sobre todo tendo en conta, que o que non conte na nota,
quítalle ferro ao asunto. En moitos colexios, as últimas semanas foron
de preparación dos exames. Os pais fixéronse eco onte da recepción de
varias circulares e cartas informativas. Uns o ven como un xesto
positivo por parte dos colexios e da administración e outros, os máis
críticos, enténdeno como un intento de coacción e de campaña para
convencelos de mandar aos seus fillos a facer o exame.
No colexio Figueroa da Estrada onte a asociación de
pais convocou unha reunión para abordar precisamente o tema da reválida
de sexto.
Alumnos preocupados e tres días que rompen coa rutina
Nos colexios da zona, a maioría dos docentes asegura
que ata que hoxe non se abran sóbrelos non saberán exactamente o grao de
complicación das probas. En Rodeiro, o director apuntaba que «vos
cadernos pequenos xa chegaron, están pechados e so vemos que son en
cor».
No que si coinciden a maioría dos equipos directivos é
que a reválida ao ser tres días, e nalgúns casos desenvolverse nun
horario diferente ao habitual, vai trastornar a rutina do centro e vai
xerar unha intendencia e un papelorio que se deixará notar no seu
funcionamento.
A maioría tamén resalta que nestas datas, co curso
próximo a terminar, perder tres días de clase ordinaria non é pecata
minuta, sobre todo cando nesta época se xuntan co festivo das Letras
Galegas, xornadas de actividades ou de excursións de fin de curso. E é
que a maioría a estas alturas apura os temarios porque o tempo se acaba.
En canto a como o levan os alumnos, a procesión vai
por barrios. Varios profesores afirman que os estudantes están
tranquilos, mentres que outros opinan que están preocupados porque é
algo novo e están un pouco nerviosos. Aínda que nisto, como en calquera
outros exame, depende de cada neno.
Non teñen ese estrés xa os que por decisión dos seus
proxenitores saben que hoxe non irán ao colexio. De feito onte, nun
colexio de Lalín, varios alumnos aproveitaban para preguntar ao profesor
si é obrigatorio ir ao exame. Algo que se repite noutros centros.
Había tamén que opinaba quen a proba debía facela ou
todos os estudantes ou ningún porque entendía que doutra forma non ten
sentido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario