O seu presidente reivindica a vixencia do espírito das Irmandades da Fala e pide “ver onde non se avanzou e por que non se avanzou” en materia lingüística.
"Do que se trata é de facer ver pedagoxicamente a certos grupos da clase media que non abonda con usar o galego liturxicamente, onte en cen tribunas. Terá que ser o idioma normal do fogar, o idioma da respiración vital. A tarefa por forza ten que ser de toda a sociedade. Ninguén está excluído. Uns achegarán máis, outros menos, pero na sociedade o protagonismo teñen que telo os políticos. En Galicia teriamos que falar dun pacto galego sobre o idioma, e a partir de aí empezar a traballar". Foi a petición que fixo este mércores pola noite o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, durante a celebración do aniversario da fundación das Irmandades da Fala.Nun acto na Coruña, Alonso Montero insistiu en que "se non se fai un pacto galego sobre o idioma, todo o que se faga, por moi interesante que sexa desde o punto de vista historiográfico o dito sobre as Irmandades da Fala de hai cen anos, serán cousas menores, serán xogos florais e serán foguetes para a galería", engadiu.
O alcalde do Concello da Coruña, Xulio Ferreiro, tamén defendeu a vixencia das reivindicacións das Irmandades en materia lingüística: "Hoxe, cen anos despois, semella máis necesario que nunca o compromiso e o ideario deste movemento que, entre outros, encabezou Antón Vilar Ponte e que situou A Coruña no centro da vangarda galega". No acto tamén interveu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen asegurou que se as Irmandades non existisen "seguramente Galicia non sería o que é hoxe, un pobo orgulloso da nosa lingua e da nosa cultura".
"Falade e escribide e pensade sempre en galego, irmáns". Antón Villar Ponte sintetizaba así o obxectivo das Irmandades da Fala no artigo "A bandeira ergueita", publicado no primeiro número d'A Nosa Terra. Xusto cen anos despois, a mensaxe volveu reivindicarse este mércores no teatro Rosalía de Castro, no acto musical e literario organizado pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña. Por iso, presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, pediu que este centenario sirva para reflexionar sobre a situación da lingua e procurar un pacto sobre o idioma.
A velada marcou o inicio oficial do ano do centenario das Irmandades, que se celebrará cunha morea de actividades promovidas por distintas institucións. Pero ademais de servir para o estudo do movemento e recordar a "persoas que foron heroicas naquel ermo", este debe ser tamén un ano "para reflexionar e ver onde non se avanzou e por que non se avanzou" en materia lingüística durante todo este tempo, advertiu o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, no seu discurso. "Polo tanto, non lles deixemos traballo a aqueles que van estar aquí dentro de cen anos". E iso pasa por reivindicar o uso do galego, como fixeron as Irmandades, en todos os contextos, implicando a toda a sociedade pero cun necesario protagonismo no eido político, engadiu.
"Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia". Estoutra frase de Villar Ponte, promotor das Irmandades, explica a presenza destacada do Real Coro Toxos e Froles, Cantigas da Terra, Coral de Ruada e Cántigas e Agarimos na velada, que se celebrou a só uns metros do local que en 1916 ocupaba, na rúa Rego de Auga da Coruña, a Real Academia, o lugar que acolleu a xuntanza fundacional da primeira Irmandade. Os irmandiños atoparon nestes coros populares, como reflicte a afirmación, uns importantes colaboradores que desempeñaron un labor fundamental de recollida e dignificación do folclore galego, contribuíndo tamén á do idioma. E os coros atoparon tamén nas Irmandades importantes membros: Vicente Risco e Xavier Prado Lameiro formaron parte da primeira directiva da Coral de Ruada, Xaime Quintanilla pertenceu á de Toxos e Froles e o propio Villar Ponte colaborou con Cántigas da Terra, puxo como exemplo a mantedora do acto, a poeta Estíbaliz Espinosa.
Os catro coros foron os encargados de poñerlle o ramo á celebración ao subiren todos xuntos ao escenario para intepretar o Himno. Previamente, cada un deles fora cantando un par de pezas dentro dun programa que alternou música e recitados. A parte literaria empezou coa prosa de Villar Ponte de "A bandeira ergueita", que soou por boca da xornalista Cristina Lombao.
Deseguido, Manuel Lugrís, neto de Manuel Lugrís Freire, deu lectura ao "Himno das Irmandades"; actriz Isabel Risco declamou "Ti dis Galicia é ben pequena", outro texto de referencia asinado por Vicente Risco tío avó dela; e Pedro Fernández, presidente da Asociación de Veciños da Cidade Vella da Coruña María Pita, recitou os versos de "En pé", de Ramón Cabanillas. Nunha segunda quenda, subiron ao escenario a estudante Orleni Mateo, a profesora de Historia Carmen García-Rodeja e os académicos Manuel Rivas e Fina Casalderrey, quen leron "Triadas no mar e na noite", de Fermín Bouza Brey, "Postulación da ética", de Roberto Blanco Torres; "O campo da Rata", de Xohán Casal; e "Alba de gloria", discurso pronunciado por Castelao en Buenos Aires o 25 de xullo de 1948 cunha mensaxe que cómpre seguir a reivindicar: "Que diriamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do Mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e aledicia de moitísimas xeracións... Unha lingua é máis ca unha obra de arte; é matriz inesgotable de arte".
Ningún comentario:
Publicar un comentario