Os vindeiros días, do
30 de maio ao 3 de xuño, desenvólvese na Universidade de Vigo a
FINDE.U,
Feira Internacional Virtual de Emprego. No evento, que se
desenvolve en formato dixital dando acubillo a 61.000 estudantes das
tres institucións académicas organizadoras da Feira (UVigo,
Universidade de Porto e Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro)
e máis de 100.000 titulados, participarán empresas como Abanca,
Indra, Levantina, Gestamp, Parfois, Qreer, Starwood Hotels &
Resorts, Technogarden ou Deerpark House. A
día de hoxe, xa case hai un cento de firmas e entidades que
confirmaron a súa presenza, sobre todo procedentes de España e
Portugal. Delas, 63 son empresas que ofertan contratos ou
prácticas; 17 son puntos de información e 11 son redes Eures de
diferentes países.
Ao longo de cinco días a Feira
Internacional Virtual de Emprego desenvolverase como “unha
plataforma interactiva para poñer en contacto entidades empresariais
que procuren persoal con estudantes e xa titulados que estean
iniciando a súa andaina no mundo laboral”, sinalan os
co-organizadores galegos, a equipa da Área de Emprego da
Universidade de Vigo, cuxo responsábel, Alejandro Martínez, explica
que “durante esta semana as empresas están comezando a subir as
súas ofertas e os alumnos e alumnas que estean matriculados poden
inscribirse xa nas sexan dos seu interese”. Sobre o tipo de ofertas
publicadas até o de agora, Martínez salienta a súa
“heteroxeneidade, con todos os sectores e titulacións
representadas” e con especial presenza de eido da enfermaría, a
docencia no estranxeiro, as novas tecnoloxías da información, a
enxeñaría ou a moda.
A Feira conta con bos
precedentes: organizouse por vez primeira en Porto, o ano pasado,
“con moito éxito de participación”. Agora, os impulsores do
evento queren darlle máis pulo internacional, apostando de cheo pola
dixitalización como fórmula-instrumento para abranguer máis
empresas, estudantes, sectores empresariais, obxectivos e froitos a
recoller. A idea, polo tanto, “é ir alén do que ofrece unha feira
de emprego tradicional”. Segundo lembra a organización respecto do
que poden achar os posíbeis participantes, “os estudantes atoparán
nas ofertas de empresas e institucións oportunidades laborais,
prácticas profesionais e oportunidades de investigación, mentres
que o empresariado poderá publicar as súas ofertas e recibir e
filtrar candidaturas, ademais de realizar entrevistas en liña a
candidatos previamente seleccionados”.
Os estudantes contarán
co apoio técnico e asesoramento da Rede EURES durante todo o evento,
participando en seminarios e relatorios tanto en liña como
presenciais en cada unha das universidades.
Ademais da
participación en liña, o alumnado inscrito poderá asistir de
maneira presencial, os días 30 e 31 de maio, ás sesións que se
celebrarán en varias salas da Universidade de Porto, UTAD e Vigo
sobre temas como a busca de emprego en Europa mediante EURES, as
posibilidades de emprego científico para investigadores ou sobre
como crear un perfil Linkedin, entre outros contidos. No caso de
Vigo, as sesións terán lugar na sala I do edificio Miralles e todas
elas poderanse seguir tamén dende as dúas salas virtuais
habilitadas na web da Feira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario