Case un 20% dos mozos españois de 18 a 24 anos non obtén títulos máis aló da Eso.
A taxa de abandono escolar temperán en Galicia caeu en case dous puntos entre 2014 e 2016, ao pasar do 18,5% fai un par de anos á actual porcentaxe do 16,9 por cento. Estes números sitúan a Galicia nunha situación mellor que a media española, onde o 19,8 por cento dos mozos de entre 18 e 24 anos só conseguiron como máximo finalizar a Educación Secundaria Obrigatoria.A taxa de abandono educativo cedo segue baixando en España e alcanzou no primeiro trimestre do ano o 19,8%, cando en 2014 era do 21,9%. No entanto, a porcentaxe de raparigos que deixan prezcomente os seus estudos subiu en sete comunidades autónomas.
Asturias, Canarias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Murcia, ademais, da cidade autónoma de Melilla, son as autonomías onde aumentou a taxa de abandono educativo temperán entre 2014 e 2016.
Só as comunidades autónomas de Cantabria, Navarra e País Vasco móvense en torno ao 10%, que é a media europea
Nove comunidades teñen unha taxa de abandono educativo cedo por baixo da media española: Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco. E só tres xa baixaron do 15% previsto para 2020: Cantabria (10,5%), Navarra (9,8%) e País Vasco (9,6%), que son os únicos territorios que presentan unha media en consonancia coa media do conxunto dos países da Unión Europea.
Estas cifras permiten debuxar un mapa de dúas velocidades no estado: as autonomías da cornixa cantábrica e a meseta norte ofrecen os mellores resultados, mentres que as da meseta sur, Andalucía, o Levante e as insulares arroxan datos que chegan ata o 26% en Ceuta, Melilla ou Baleares.
Son datos baseados na Enquisa de Poboación Activa (Epa) e que recolleu nunha nota informativa a Dirección Xeral de Innovación, Bolsas e Axudas á Educación da Consellería de Educación da Comunidade de Madrid.
Miguel Recio, responsable do gabinete de Estudos educativos de CC.OO., explica a Efe que a Epa "non é homoxénea" e que "non son sorprendentes" os "altos e baixos " nas porcentaxes de abandono educativo. No entanto, recoñece que os diferentes datos por comunidades relaciónanse con "a súa propia situación socioeconómica".
Recio apunta que "os descensos non se poden achacar nin a medidas educativas do PP nin do PSOE" porque cando hai unha crise económica "os rapaces deixan de ter a alternativa laboral e quedan ou retornan aos estudos".
O ministro de Educación en funcións, Íñigo Méndez, recordou recentemente que as cifras de abandono cedo estaban ao comezo da lexislatura no 26,3%, e avogou por facer esforzos para chegar ao compromiso coa UE. A FP é o "instrumento idóneo para atacar de raíz o abandono educativo temperán", concluíu.
OBXECTIVO 15%. O título de Bacharel ou FP de grao medio é un dos indicadores que a UE e a OCDE consideran "mínimo necesario para afrontar con garantías a inserción laboral". Segundo a Estratexia Educación e Formación 2020, a taxa en España para ese ano debe ser do 15 por cento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario