Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde. Esta é a nova denominación das xornadas que cada ano impulsan en Pontevedra a Vicerreitoría do campus, o Concello, o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña
e a asociación Sportis Formación Deportiva co propósito de promover
unha reflexión sobre as últimas tendencias e innovacións nos mundos do
deporte e a actividade física. “Este ano queremos apostar profundamente
polo traballo multidisciplinar e cremos que abrir o
congreso a médicos, fisioterapeutas, enfermeiros, nutricionistas,
psicólogos, docentes ou adestradores pode ser moi positivo para a
sociedade, xa que moitas veces se traballa de forma illada e o deporte e
a saúde deben ir da man”, salienta Víctor Arufe, director xeral do
comité organizador dun congreso que mantén aberto ata o 27 de maio o seu prazo de matrícula e que agarda reunir, na súa décimo segunda edición, a máis de 300 persoas entre os días 2 e 4 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Co propósito de achegar a estudantes e profesionais ás “últimas
tendencias e estudos sobre diversos ámbitos vinculados a estes dous
grandes piares”, o deporte e a saúde, o programa deste congreso
internacional abrangue un total de 25 relatorios, nos que participarán expertos de diferentes países e aos que se suma a presentación de máis de 100 traballos de investigación. “É o evento congresual máis importante e con maior continuidade no conxunto do Estado”, salientou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na rolda de prensa de presentación deste congreso, na que tamén participaron o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro; e o presidente do comité organizador, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luís García Soidán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario