luns, 30 de maio de 2016

Nace Espazo-Equo buscando ser "o referente galego do ecoloxismo político"

A cooperativa política Espazo-Equo celebrou este sábado en Compostela a súa asemblea constituínte, baixo o lema “reverdecendo a esquerda, enraizando coa xente”, unha confluencia que busca "avanzar na construción dun referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista". O formato legal escollido para esta unión é o de federación de partidos, integrando Espazo-Equo "a 300 membros e 600 simpatizantes", destacando os seus impulsores que o proxecto está aberto "á adhesión de persoas que non formen parte nin de Espazo nin de Equo".
A entidade declárase "a favor dos procesos de converxencia política e social que superen as divisións preexistentes sustentados en posicionamentos ideolóxicos pechados, dando resposta ás demandas e intereses da maioría social". E fai unha aposta clara a favor de que sexan as mareas municipalistas, agrupadas en Mareas en Común, "o elemento vertebrador do proceso da Marea de carácter nitidamente cidadá que poida sumar ás forzas partidarias que deberán diluír a súa praxe para que non dubida sobre o seu escrupuloso respecto ás decisión do colectivo común”. Reclama unha unidade popular "sustentada no principio de democracia radical de 'unha persoa, un voto' en pé de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte e ao que se pode incorporar colectivos políticos e sociais”.
Tamén se debateron e aprobaron resolucións referidas ás eleccións xerais do 26X, ao saneamento das rías, a Reganosa. á megaminería. á Lei de Solo e Montes, ao TTIP e ao CETA, ás persoas refuxiadas, ao feminicidio e ás infraestruturas innecesarias, entre elas a A-76 e a A-57. A resolución sobre as eleccións xerais pide un apoio "crítico" á candidatura de En Marea e foi aprobada por 40 votos a favor, 1 en contra e 8 abstencións. O texto destaca que "lamentablemente as forzas partidarias colonizaron o espazo de En Marea e apropiáronse do capital simbólico das Mareas e, en lugar de asentarse como un espazo transfronteirizo e plural, o ámbito de decisións quedou reducido aos tres partidos coligados e as mareas municipalistas relegadas a mera base militante".
Manel Cardoso (Espazo): “o noso obxectivo fundamental é incorporar a esquerda verde á axenda política galega”
Manel Cardoso (Espazo) destaca que “o noso obxectivo fundamental é incorporar a esquerda verde  á axenda política galega”. “Non renunciamos a un reagrupamento da esquerda plural e transversal deste país, pero queremos -como di o lema da asemblea- reverdecer a esquerda e enraizar coa xente, é dicir, coa radicalidade democrática e co concepto de unha persoa, un voto”, di. De igual xeito, Silvia Pinal (Equo) di que con esta confluencia buscan “facer máis forza” para que “a ecoloxía política adquira un papel protagonista”, subliñando que "ata agora en Galicia estivo nun segundo plano".
Silvia Pinal (Equo): "Cooperativa política é unha federación entre partidos que, en realidade, funcionan pouco como partidos. Nós máis que como partido, funcionamos como proxecto compartido"
Cardoso sinala que “o obxectivo futuro, a curto prazo, sería unha fusión entre Espazo e Equo”, unha idea na que coincide Pinal. A dirixente de Equo Galicia, define a fórmula de "cooperativa política" coa que se realizou a confluencia entre as dúas forzas como "unha federación entre partidos que, en realidade, funcionan pouco como partidos. Nós máis que como partido, funcionamos como proxecto compartido. O termo federación serve unicamente para partidos que actúan como compartimentos estancos".
Silvia Pinal (Equo) e Manel Cardoso (Espazo) serán co-voceiros de Espazo-Equo. Escolléronse, así mesmo, os órganos de coordinación, ocupando Lidia García, Xoán Hermida e Javier Rocamora a Mesa de Coordinación e Comunicación e outras 16 persoas a Mesa Nacional da formación. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, foi o encargado de abrir a asemblea, na que tamén participaron como convidados representantes de Mareas en Común, ICV e EQUO Federal, así como diversos colectivos sociais.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario