Un autobús de dous andares, como os que poboaban as rúas dalgunhas cidades galegas no século pasado, pintado de azul e branco.
E dentro, unha exposición e as voces dos Poetarras, de Isabel Risco, do
Leo ou de De Vacas. Todos, ao abeiro do colectivo Ora Galega e da área
de Cultura da Deputación da Coruña para lembrar as Irmandades da Fala.
A "vontade do proxecto", ideado por Ora galega, é "chamar a atención, facer que a veciñanza" das vilas e cidades polas que pase "se achegue á nosa hitoria e descubra que as Irmandades son algo vivo e que, como di a lenda do proxecto, hai fala", ilustra. Nesta liña se expresa tamén Moncho do Orzán, de Ora Galega, grupo do que partiu a declaración do 2016 como ano das Irmandades. A súa "teima", admite, é que "as Irmandades se conmemoren en todo o país".
Así, na exposición itinerante pódese ver unha liña de tempo que comeza nos Mártires de Carral e remata no golpe de Estado de 1936. Dentro do bus hai "información básica" que "se pode completar" coa web e o aplicativo para dispositivos móbiles de iFala. Lecturas públicas ou eventos musicais completan unha iniciativa que, a xuízo do profesor Carlos Quiroga, "fai mozo algo que ten un século pero que mostra unha vixencia alucinante. Ficamos nós mesmos emocionados co proxecto".
Tras A Coruña e Betanzos os seguintes destinos de iFala serán Ferrol (28 de maio) e Santiago (9 de xuño). Lalín, Lugo, Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilagarcía ou Viveiro serán outras das paradas da iniciativa, na que colaboran asociacións culturais, editoriais, dez concellos e dúas deputacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario