mércores, 25 de maio de 2016

Os móbiles causan cambios máis acelerados na industria da prensa que na do libro

Investigadores das universidades da Coruña e Compostela analizan as mudanzas no consumo de contidos e salientan a mellor adaptación do sector xornalístico ás pantallas móbiles que o libreiro.

O acceso aos contidos é cada vez máis dixital e máis móbil. A medida que dispositivos como os teléfonos intelixentes e as tablets penetran máis na sociedade, o uso do ordenador persoal para o tempo de ocio e de información diminúe. Así, por exemplo, máis da metade dos preto de 1.700 millóns de usuarios mensuais de Facebook di acceder a esta rede social exclusivamente mediante os seus smartphone. E a tendencia é crecente: se en 2014 eran 341 milllóns de usuarios, en 2015 foron 581 millóns e agora, en 2016, a cifra de persoas que usan Facebook so mediante teléfonos intelixentes xa ascende a 894 millóns, segundo un informe da propia compañía. Tamén Google reportou que as buscas vía móvil se están disparando e Amazon asegura que máis do 60% dos seus clientes acceden á súa tenda virtual mediante estes aparellos. Pola súa banda, a Wikipedia —a enciclopedia libre da Rede— tamén salientou que xa recibe máis visitas dende móbiles que dende computadoras.
Recentemente, a firma de auditoría de audiencias Nielsen informou de que os teléfonos intelixentes son xa o medio máis utilizado nos Estados Unidos para acceder a contidos, superando a televsión, a radio e os equipos de sobremesa, e iso malia que hai máis cidadáns naquel país con televisores e radios que móbiles.
Os retos que plantexa este novo xeito masivo de consumir contidos está obrigando a unha reconversión das industrias da prensa e do libro. As urxencias son obvias. Por iso, investigadores das universidades da Coruña e Santiago veñen de contribuír cun novo artigo á análise deste fenómeno no eido da prensa e das editoriais.
O artigo 'Dispositivos móviles: el nuevo reto para la industria de la prensa y del libro en España', publicado na revista Palabra Clave, analiza os cambios que introducen os novos dispositivos móbiles nas industrias culturais máis tradicionais europeas: a industria da prensa e a editorial. Tras avaliar a situación actual de ambos os dous sectores en España, os autores reflexionan sobre o cambio real que se está producindo no ecosistema mediático, debido á irrupción da denominada cuarta pantalla. "Os datos auguran cambios máis acelerados para a industria da prensa que para a do libro", segundo os autores deste estudo: Carmen Costa-Sánchez, da Universidade da Coruña, e Ana Isabel Rodríguez-Vázquez e Xosé López-García, da Universidade de Santiago.
Se ben "a convivencia papel/dixital continúa baixo o predominio do modelo de negocio en papel", é ben claro que "a tendencia se dirixe cara ao consumo en diferentes pantallas".
Para chegar a estas conclusións, os autores do artifgo analizaron os principais informes sectoriais tanto de fontes públicas como privadas. Así, puideron comprobar que "diferentes informes da evolución dos medios impresos tanto dos diarios como do libro apuntan ao escenario convulso no que se moven e os desafíos aos que se enfrontan".
"A supervivencia de moitas empresas do sector está en xogo, o cal promove a procura de novos modelos de negocio e novos produtos", expoñen os autores, que observan que "é nesa procura de alternativas para o futuro onde a industria se fixou na irrupción da comunicación móbil que ofrece un novo medio dotado dun ecosistema propio e un renovado escenario en rede, no que os usuarios acolleron con interese informativo e de entretemento a denominada 'cuarta pantalla' que, por mor da dispoñibilidade e da ubicuidade que brinda ao usuario, convértea nun elemento clave no proceso de converxencia e integración da comunicación dixital".
PRENSA
Para a análise do sector da prensa, os investigadores partiron da hipótese da que a industria dos medios xornalísticos, a pesar de que incorporou as novas canles móbiles como soportes informativos, aínda non elabora unha produción xornalística adaptada ás singularidades tecnolóxicas e de contido dos novos dispositivos.
Segundo estes autores, o contexto actual da prensa en España atópase marcado por tres procesos de cambio e as súas correspondentes derivacións: 1. Unha diminución do número de cabeceiras en papel e un aumento das cabeceiras dixitais ata 2010 e un pequeno descenso dende entón. 2. Unha forte baixada do volume da súa difusión e do investimento publicitario. 3. Un cambio nos hábitos de lectura do lector tradicional de prensa en papel, que migra cada vez máis cara aos soportes en liña e os distribuidores ou agregadores de noticias.
Neste contexto, produciuse unha crise de lectores de prensa en España que comezou en 2005, cunha caída en picado no número de consumidores de xornais e a lóxica caída na difusión. Esta caída colocou a España no penúltimo lugar en Europa, só por diante de Portugal, por debaixo dos 100 lectores por cada 1.000 habitantes que a Unesco coloca como a barreira para diferenzar un país desenvolvido dun subdesenvolvido.
"Os soportes móbiles configúranse como unha nova oportunidade para recuperar lectores e interese pola información"
Ao contrario, a penetración da prensa dixital mostra unha tendencia de crecemento que non deixou de aumentar desde o inicio da década. Ademais, segundo subliñan os investigadores galegos, "os lectores que combinan papel e dixital evolucionan en positivo, aínda que máis a modo".
"O perfil sociodemográfico do lector dixital é o dun lector home máis novo que o da prensa en papel (menor de 44 anos) e a súa idade aproximada sitúase ao redor dos 39 anos", describen.
A todo isto hai que sumar a redución dos ingresos dos diarios de pago. "A venda en quiosco é cada vez menor, mentres que a lectura por exemplar crece, o cal indica que as persoas que teñen o hábito de ler un xornal en papel mantéñeno, pero atopan outra maneira de facelo sen ter que pagar", explican os investigadores.
A esta perda de ingresos hai que engadir o descenso nos ingresos publicitarios, superior ao 25%.
Por último, os profesores galegos advirten de que as consecuencias de todo isto "van máis aló das cifras, pois afectou ás empresas informativas, ás condicións laborais laborales dos seus xornalistas periodistas e o produto que elaboran", e miles de despidos. Esta crise facilitou a "entrada de novos socios procedentes dos sectores financeiros máis especulativos (fondos de investimento)", esclarecen.
No medio desta crise, "os soportes móbiles configúranse como unha nova oportunidade para recuperar lectores e interese pola información, cunha oferta diferenciada na adaptación ás características dos novos medios", explican os autores do artigo, que observan, sen embargo, que aínda no existe un modelo claro de contido, expresivo e de negocio, que optimice as potencialidades do novo medio.
O certo é que a información segue interesando. De feito, "a prensa é a cuarta actividade realizada a diario na internet móbil despois de chatear, usar o correo electrónico e acceder a redes sociais", segundo o VI Estudio Anual IAB Spain Mobile Marketing, de IAB Spain Research y The Cocktail Analysis.
Con todo, nos elementos de personalización, xeolocalización, integración multimedia e participación é onde "se achan as principais carencias das aplicacións desenvolvidas ata a data polos diarios españois". Para os expertos, "é nestes catro ámbitos onde se debe traballar na creación dun novo modelo informativo para os móbiles intelixentes".
"O proceso de creación dun novo produto xornalístico para o novo medio xa está en marcha coa necesaria reconversión das redaccións e das dinámicas informativas dos xornalistas. A cuestión agora céntrase en como definir un contido diferenciado e rendibilizar os produtos xerados para as novas pantallas", expoñen os profesores das universidades galegas.
LIBRO
Para o sector do libro manexaron a hipótese de que nesta industria falta un proceso de expansión social da tecnoloxía específica en España, así como unha maior aposta desde a industria editorial e desde as políticas culturais, o cal está a retardar o grao de éxito da nova plataforma.  Segundo os investigadores, a industria libreira está afrontando este mesmo reto a un ritmo máis lento que o da prensa.
"A revolución dixital, que non coñece fronteiras, obriga ao sector do libro a reciclarse e afrontar os desafíos do futuro"
Os índices de lectura en España incrementáronse na última década, ata alcanzar 63%, "o cal se explicou polo tempo libre que deixa a crise e o paro". Porén, isto non supuxo máis vendas de libros. "O comercio interior do libro en papel mantivo unha tendencia á baixa" e "a facturación do sector editorial no mercado interior tamén descendeu" dramaticamente nos últimos anos. Porén, o libro español mantén "boas posicións" e unha "tendencia positiva" no comercio exterior, mantendo a España á cabeza en exportación xunto co Reino Unido e os Estados Unidos.
"Neste escenario de perda de protagonismo do papel, a revolución dixital, que non coñece fronteiras, obriga ao sector do libro a reciclarse e afrontar os desafíos do futuro, para o que se precisa unha política activa, porque o mercado por si só non garante a difusión da diversidade e a pluralidade cultural", argúen os autores do estudo. O que se recomenda é "combinar o apoio á edición en papel e á edición dixital, que se considera unha opción para a diversificación".
Nesta liña, salientan que aínda que a finais da primeira década do século XXI se produciu un salto na produción de libros dixitais en España, desde 2012 detéctase un leve descenso que se mantén nos últimos datos.
De momento, a industria do libro mantense principalmente polo papel, que segue sendo a súa prioridade. De feito, en 2014 os libros dixitais supuxeron o 22,3% do total da industria, "o cal mostra que o principal do negocio da industria libreira española prodúcese no papel".
Ademais, nun contexto de caída da facturación xeral, a facturación do libro dixital vai en aumento.
En canto aos soportes, "a modalidade de consumo de libros en streaming, por tanto, sen a necesidade de descargarse o contido nun dispositivo, vai incrementándose", mentres que "o denominado e-reader, é dicir, o dispositivo electrónico deseñado principalmente para a lectura dixital de libros e que utiliza tecnoloxía e-ink para presentar o contido aos lectores, decrece en importancia desde a aposta editorial", describen os profesores, que tamén salientan o aumento do uso das tablets.
Por formatos, o ePub continúa gañando cota de presenza en paralelo ao descenso continuado do formato .pdf ou MOBI (Kindle).
E sobre as temáticas dos libros dixitais, texto non universitario e ciencias sociais e humanas, consolídanse como as materias que xeran a maior parte da facturación.
Na súa análise, os autores destacan que "a situación do libro dixital en España é complicada porque non hai contidos atractivos" e polo prezo, "nada favorecido polo IVE", indican.
CONCLUSIÓNS
Tras a súa fonda análise, os investigadores das universidades galegas conclúen que "a industria da prensa, ante un panorama de gran adopción social da nova tecnoloxía, xa é prensa móbil, aínda que aínda non acomete unha produción xornalística adaptada ás singularidades e vantaxes do novo medio", mentres que "a industria do libro, pola súa banda, aínda se atopa nunha etapa incipiente" na súa adaptación á realidade móbil. "Ambas as industrias, polo tanto, afrontan este reto a distintas velocidades", sentenzan os autores.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario