Para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e do conselleiro.
A CIG-Ensino chama a atención sobre o
feito de que onte mércores 25 maio se publicaron nun medio de
comunicación impreso contidos da proba que ese mesmo día formaba parte
da reválida de 3º de Primaria. Para a CIG-Ensino está é a mostra máis
palpable da chafallada na que a Consellaría de Educación converteu a
aplicación da LOMCE e nomeadamente as reválidas que foron rexeitadas de
xeito contundente polas familias. “Todo un despropósito ao servizo da
ideoloxía do PP que o único que está supondo é un prexuízo para o ensino
público e a súa calidade”, di Anxo Louzao, secretario nacional da
CIG-Ensino.
Para a CIG-Ensino todo indica que foi a propia Consellaría de
Educación a responsable desta filtración e esixe unha explicación
pública do sucedido que ten que levar consigo a desaparición da LOMCE e
das reválidas. “Tendo en conta que parte das probas se filtraron
publicamente antes de que remataran e que máis do 80% do alumnado non as
fixo a Consellaría debería tomar a decisión de que se tiren a
papeleira, que non se corrixan e que se deixe de cargar aos centros, en
contra da súa vontade, de traballo inútil”, engade Louzao.
En
calquera caso, para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación
do Goberno galego e poñen en evidencia a falta de competencia do novo
conselleiro de Educación, motivo suficiente para que presente a súa
dimisión. “O Goberno de Feixoo teima en someter o alumnado e o sistema educativo a unha presión innecesaria, pero eles mesmos son incapaces de actuar cun mínimo rigor. Á vista está que malgastan recursos públicos nunhas probas que a propia Consellaría converteu nun cachondeo e nunha autentica chambonada. E unha tomadura de pelo e desconsideración ao profesorado e aos centros”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario