A construción en 1960 do encoro de Grandas de Salime provocou
que todos os núcleos de poboación das parroquias de Barcela e Ernes, en
Negueira de Muñiz, quedasen illados do resto do concello pola ausencia
dunha ponte. Ademais, moitos dos veciños e veciñas perderon as súas
terras e vivendas, asolagadas, intensificándose a emigración cara á
Terra Chá, onde formaron as colonias de Arneiro e Veiga de
Pumar. A poboación descendeu en picado, dende os 1424 de 1950 aos 286
censados en 1981. En 1977, iso si, formouse a comuna de Foxo, grazas á
cal se recuperaron casas, leiras e aldeas enteiras, cunha influencia que
chega ata os nosos días, con proxectos comunitarios de todo tipo.
Un deles é a recuperación da Escoliña do Vilar, o edificio da
vella escola de Vilar de Ernes, abandonada dende os anos sesenta. Un
grupo de activistas puxo en marcha hai unhas semanas unha campaña de crowdfunding para
recadar un mínimo de 11 mil euros para poder levar a cabo a
rehabilitación completa do inmoble, "respectando a súa estrutura
orixinal e con materiais tradicionais do lugar". Polo de agora
levan recadados algo máis de 12 mil, e buscan incrementar esta cantidade
(ata unha cifra óptima de 23 mil euros) para mellorar a
confortabilidade e realizar tamén unha instalación fotovoltaica que
achegue a enerxía necesaria para o edificio. Aínda que o
traballo de rehabilitación vai ser levado a cabo polas mulleres e homes
que forman parte desta comunidade, aceptan a colaboración que calquera
voluntario ou voluntaria poida achegar.
Este grupo de persoas quere empregar o lugar como espazo educativo para
o desenvolvemento dos nenos e nenas "nun entorno natural, fomentando e
promovendo a autonomía e a participación crítica, nunha relación directa
ca natureza, propia e a do entorno". Ademais, buscan que o edificio
sirva como centro para "o encontro e o desenvolvemento comunitario".
Sinalan que se embarcaron neste proxecto "ante a dificultade que supón
acceder desde as nosas aldeas a servizos deste tipo, que poderían ser
brindados polas institucións". "Estamos a unha hora de calquera centro
educativo, de saúde ou biblioteca" .din- "Por iso, e ante as nosas
necesidades como veciñas, decidimos dar unha resposta a esta carencia".
"O proxecto vai dirixido a aquelas persoas que comparten as
nosas mesmas inquedanzas e problemáticas. Aquelas que coñecen a
realidade do rural (en especial en Galicia), aquelas que comparten
interese por unha educación baseada no respecto ás persoas e ós seus
ritmos, confiando e aprendendo xuntas. Dirixímonos tamén ás que cren no
empoderamento das comunidades, como elemento transformador da realidade
social", destacan. Subliñan que "o grupo de persoas que está
detrás deste proxecto e convive no val parte dunha experiencia
comunitaria cunha traxectoria de 40 años, que hoxe se materializa en
realidades como a asociación de veciñas, a xestión de montes veciñais en
man común ou os traballos comunais". Ademais, organizan "encontros en
relación coa agroecoloxía, a vida no mundo rural e a educación, ademais
de actividades e obradoiros nesta liña".
Nos últimos anos recuperaron xa a antiga escola de Ernes para uso das veciñas e veciños.
"Supuxo unha aprendizaxe no que ten que ver coa organización grupal,
posto que a actividade a desenvolvemos as propias veciñas. Un primeiro
equipo con coñecementos de bioconstrución organizaba o traballo e outro
equipo máis amplo poñía a forza de traballo", explican, destacando que
"hoxe en día este edificio está en marcha e ofrece un servizo de gran
valor para a comunidade (internet, biblioteca, botiquín, actividades
lúdicas e culturais...)".
Ningún comentario:
Publicar un comentario