Amplificando
as homenaxes que se están a celebrar na nosa terra arredor da figura
do poeta Manuel María (Outeiro de Rei, 1929), conmemorado este ano
no Día das Letras Galegas (17 de maio), o Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) impulsou unha páxina
específica que bota luz sobre a vertente como periodista do autor de
Terra Chá e Os soños na gaiola (entre outras obras
referenciais da nosa literatura). A web resultante é froito dun
comprometido traballo conxunto. Así, contouse co traballo do
escritor e xornalista Antón Lopo para a achega de contidos e, tamén,
co labor da empresa A Navalla Suíza para o desenvolvemento
tecnolóxico da propia páxina. Amais das contribucións do Colexio
de Xornalistas, principal impulsor da web (en boa medida a través do
seu presidente, Xosé Manuel Pereiro), tamén se contou cos apoios da
Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Casa-Museo Manuel
María. O sitio en liña Manuel
María Xornalista deuse a coñecer hoxe no Pazo de San Roque
de Santiago.
Na
presentación do sitio participaron o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García Gómez, o decano do Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro, e
máis o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
García
Gómez abriu rolda de intervencións salientando o valor da web para
“amosar un Manuel María completamente dono da palabra, da palabra
non só poética, non só literaria, senón da palabra no máis amplo
dos sentidos”. Tamén destacou “o amor profundo pola lingua
galega” do poeta homenaxeado este 17 de maio, un amor que tamén se
viu reflectido “na súa práctica xornalística”, pois “escribiu
en galego sempre que as circunstancias llo permitiron: en democracia
e, durante o franquismo, cando publicaba fóra de España”.
Xosé
Manuel Pereiro comezou a súa intervención valorando moi
positivamente o resultado acadado no deseño e desenvolvemento da
páxina web, “moi ben feita, moi completa nos seus contidos e
posibilidades e de moita utilidade” para achegarnos á vertente
xornalística do escritor de Outeiro de Rei. Tamén recoñeceu que a
súa relación con Manuel María vén de antigo, da súa mocidade en
Monforte, onde o poeta e a súa compañeira, Saleta Goy, rexentaban
unha libraría onde Pereiro tivo ocasión de adquirir os seus
primeiros libros en galego (a Libraría Xistral, fundada en 1970).
Sobre a web, Pereiro engadiu que a pretensión é que
manuelmaria.xornalistas.gal sexa tanto un escaparate da faceta
comunicadora de Manuel como unha ferramenta para os periodistas.
A páxina Manuel
María Xornalista, segundo engadiu Pereiro, será unha web viva,
dinámica e con capacidade para acubillar novos contidos. O que se
achega agora, explicou, é unha parte dos artigos do autor da Terra
Chá e máis unha visión global da súa biografía, con especial
atención á súa vida como xornalista. Esta visión compleméntase
cunha galería de imaxes recollida do arquivo da Casa-Museo Manuel
María, cunha listaxe das páxinas máis salientábeis relacionadas
co escritor e cun espazo adicado á actualidade (a súa escolla como
autor das Letras neste 2016).
A páxina Manuel
María Xornalista, segundo se
fixo saber no acto de presentación, ten tamén unha importante
vertente de divulgación, entre outras cousas grazas á unidade
didáctica de seu, “creada especialmente para os escolares e
co obxectivo de que valoren e singularicen a actividade xornalística
de Manuel María no conxunto da súa obra e mais de que se
familiaricen cos xéneros xornalísticos e coa organización dun
periódico”.
O
sitio presentado, como dixemos, céntrase sobre todo na faceta de
Manuel María como xornalista. Esta vocación levouno a escribir en
prensa ao longo de 55 anos, combinando este labor con traballos na
radio. Os seus artigos apareceron na maioría das cabeceiras galegas
(El Progreso, El Pueblo Gallego, La Noche, La Región, La Voz de
Galicia, El Ideal Gallego ou Vida Gallega) e tamén
nalgunhas españolas (ABC) e en numerosas publicacións americanas. A
súa relación coa prensa escrita foi especialmente frutífera a
partir dos anos setenta, en que se funda A Nosa Terra, onde
colaborou de 1977 a 1988. A maior parte dos seus artigos concéntranse
neste semanario e mais no xornal El Correo Gallego, ao que
estivo ligado dende 1989 até a súa morte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario