Unha solución de mercado
que protexe ás familias de calquera problema derivado dun uso
(propio ou alleo) non axeitado da Internet. Así
definen Zurich Seguros e Telefónica a solución presentada esta
semana por ámbalas compañías: unha plataforma anti-riscos
dixitais para os fogares que inclúe, entre outras cousas, servizos
dixitais e de cobertura de protección xurídica contra o ciberacoso
ou contra o roubo de identidade dixital. Segundo informou Telefónica,
“trátase dunha proposta de valor pioneira que cobre a exposición
dos menores a Internet e a salvagarda da identidade dixital de pais,
nais e fillos”. É pois, en boa medida, a resposta máis ambiciosa
da compañía aos novos modos de vida, todos eles abeirados ás TIC,
afianzados polo dixital.
O Pack
de Protección Online de Zurich e Telefónica lánzase en tres
modalidades para adaptarse ás necesidades de cada familia: Persoal
(desde 50,27 euros ao ano IVE incluído, e indicado para casos de
roubo de identidade), Junior (axeitado para familias que
estean interesadas en contratar protección só para os seus fillos
menores, desde 52,34 euros de cota anual e IVE incluído) e Integral
(desde 92,23 euros anuais IVE incluído, ofrecendo protección
para todos os membros da familia).
Segundo informaron as
dúas empresas, todos estes servizos son “de utilidade” para a
vixilancia e o control do uso dos dispositivos informatizados
(móbiles, tabletas e computadores) aos que teñen acceso tanto os
menores de idade como o resto de membros da familia, “de forma que
se poida garantir a súa navegación segura”. Ademais, abranguen
funcionalidades para o seguimento e almacenamento de informes de
actividade en liña e o contido das comunicacións, en particular de
redes sociais, así como o bloqueo de certos sitios, que os pais ou
titores legais do menor establezan. Os sistemas tamén posibilitan
detectar resultados de procura inapropiados; limitar o tempo que os
fillos pasan en Internet ou conectados aos seus dispositivos;
restrinxir o uso de xogos e aplicacións nos seus computadores,
móbiles e tabletas; localizar de xeito xeográfico o móbil dos
menores; recibir alertas de emerxencia cando os menores se atopen
nunha situación problemática ou facer seguimento de chamadas e SMS
e previr que accedan a páxinas adultas.
As dúas compañías
desenvolveron esta solución coa colaboración dos servizos
tecnolóxicos da compañía Lazarus, cuxos especialistas tecnolóxicos
achegaron os seus coñecementos e experiencia na xestión das
incidencias do medio dixital.
Ningún comentario:
Publicar un comentario