Reválidas de 3º de Primaria: o despropósito continúa
Logo da celebración
das reválidas de 6º curso de Primaria de hai uns días, o STEG, en
colaboración cos centros do Ensino público que participaron nas mesmas,
recolleu os datos de NON ASISTENCIA ás mesmas, contando para iso con
datos de case a metade dos máis de 650 centros que participaron nelas.
Ao
abeiro desta información, o STEG conclúe que máis dun 60% do alumnado
NON ASISTIU ás reválidas, sendo as provincias de A Coruña e Pontevedra,
onde máis incidencia tivo esta protesta. De igual xeito, a NON
ASISTENCIA ÁS REVÁLIDAS tivo un maior impacto no rural ca nos grandes
núcleos poboacionais, agás no caso de Vigo, onde a porcentaxe foi
lixeiramente superior á que se deu no resto da provincia. Unha lectura
máis polo miúdo ofrece o dato de que a moda, o valor que máis predomina
na mostra que serviu de base para o estudo é o do 100% de NON
ASISTENCIA.
O STEG tamén quere
facer notar o seu total desacordo coas manifestacións realizadas pola
Consellaría, por boca do señor Conselleiro, que acusou de mentir a
organizacións políticas, sindicais, movementos de renovación pedagóxica e
diversos colectivos da comunidade educativa que durante este tempo
viñeron amosando o seu desacordo coa realización das REVÁLIDAS.
Nesta liña,
lamentamos que o Conselleiro confunda a diversidade de parecer, a
disensión e a argumentación en base a criterios pedagóxicos,
estatísticos e cívicos coa mentira ou a mala intención e rexeitamos
enérxicamente ditas acusacións. Parecera esquecer este goberno unha das
súas lecturas de cabeceira, Marco Aurelio:
“Se non convén, non o fagas; se non é certo, non o digas” Meditacións.
Asemade, o STEG
xulga impropio dunha sociedade democrática a campaña de medo e
desinformación que se promoveu dende certas instancias da Administración
educativa, secundada por determinados colectivos e tamén algúns medios
de comunicación. Isto non fixo senón alimentar a confusión, o temor, a
anguria e mesmo o medo entre o alumnado, as familias e mesmo o
profesorado.
Prescindindo do
parecer de boa parte da comunidade educativa e do pobre resultado de
asistencia destas reválidas de hai uns días, a partires de mañá terán
lugar as reválidas de terceiro curso de Primaria.
O STEG anima as
familias a que non envíen estes dous días o alumnado á escola, no
convencemento de que é unha medida ineficaz, innecesaria e que redunda
no despropósito que supuxo a posta en vigor da LOMCE.
Xulgamos que o
Ensino público precisa de medidas máis serias e construtivas e con
verdadeiro rigor pedagóxico, fundamentalmente aumentando o investimento
no Ensino, non recortando de forma abusiva e logo practicando “test
exprés á aventura” para ver o que pasou, coma nun mal argumento de Mary
Shelley.
Ningún comentario:
Publicar un comentario