O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), co
apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA), anuncia a segunda edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía
ben segura, un encontro que terá lugar na Cidade da Cultura
o vindeiro 14 de maio. En Rapaciñ@s atoparanse actividades para
pais e nenos cun eixo común: a seguridade na Internet e a
creatividade nas novas tecnoloxías. A xornada, que se desenvolverá
no Edificio CINC, dará comezo ás 17 horas cos obradoiros de
Minecraft, Scratch
e robótica educativa, encamiñados a nenos e nenas de 8 a 14 anos.
Arredor dun cento de rapaces poderán participar nestas actividades
ao longo da tarde. Para facelo cómpre inscribirse a través da
web específica habilitada e levar un computador portátil.
E indo ao miolo do
programa: serán 3 obradoiros de Minecraft os que se desenvolverán
(45 minutos de duración e 10 prazas cada un deles); dous de scratch
(30 minutos e 10 prazas
cada un); e catro de robótica educativa (30 minutos e 6 prazas).
Engadir que estas actividades serán dirixidas pola empresa Tech
Academy. Pola súa banda, a empresa Arkitas Robótica realizará un
obradoiro de robótica educativa de dúas horas de duración e 20
prazas.
En canto aos maiores, os
pais e nais terán a oportunidade de asistir á charla Internet
non é doutro mundo: acompañando aos nosos rapaces na nova contorna
dixital, a cargo de Dolors Reig, psicóloga social,
conferenciante, consultora e profesora en distintas universidades. O
relatorio comezará ás 17.30 horas.
A xeito de novidade,
nesta 2ª edición de Rapaciñ@s, convocarase un concurso de
programación para centros de ensino co Día das Letras Galegas como
temática. Así, os centros de ensino poderán participar a través
do dito concurso de programación mediante grupos mixtos de alumnos
de 10 a 14 anos, dirixidos por un docente. Neste concurso deberán
desenvolver unha historia en formato story telling sobre o Día
das Letras Galegas empregando a ferramenta scratch. O prazo de
inscrición xa está aberto no enderezo info@cpeig.gal e remata o 12
de maio ás 23 horas.
O proxecto gañador será
seleccionado por un xurado composto por representantes do CPEIG e da
AMTEGA, os seus creadores recollerán o galardón, un equipo de
robótica, ao peche da xornada de Rapaciñ@s, o día 14 de maio.
Para máis información é
preciso ver o programa de
Rapaciñ@s.
Ningún comentario:
Publicar un comentario