mércores, 11 de maio de 2016

CEAPA mantén a súa posición do curso pasado respecto da proba de 3º de Primaria, sitúase en contra da Avaliación Final de 6º de Primaria e pide ás familias que non enchan os cuestionarios de contexto nin elas nin os seus fillos

CEAPA esixe ás Comunidades Autónomas gobernadas por partidos diferentes ao do goberno en funcións, que sexan consecuentes cos seus compromisos coa comunidade educativa.

Levamos máis de 4 anos loitando para que non se implante neste país unha lei de educación segregadora, inxusta e clasista pero a cerrazón do goberno en funcións, unha vez máis, obríganos a tomar medidas indeseadas ante unha situación de indefensión para os nosos fillos e fillas.
A práctica totalidade dos partidos políticos aprobaron unha proposición non de Lei no Congreso para paralizar o calendario de implantación da LOMCE. Un goberno en funcións, que de forma canto menos dubidosa en democracia, non só non se someteu ao control da cámara senón que fai, como sempre, oídos xordos ao que ocorre no país que gobernou e ao que decide a cámara de representantes elixidos por todos os españois, non ten autoridade moral nin ética para seguir tomando decisións en contra do aprobado pola maioría dos Deputados e Deputadas. O Ministro tenta maquillar a realidade, pero a sociedade en xeral, e as familias en particular, teñen que saber que a LOMCE recolle que o alumnado que non supere as reválidas, nuns casos non titula, como ocorrerá na ESO e Bacharelato, e noutros, como na proba de 3º de Educación Primaria e a Avaliación Final de 6º, levará o seu expediente lastrado polos resultados que conseguise.
No noso sistema educativo, as nosas fillas e fillos xa son sometidos a exames suficientes - máis ben excesivos- como para que o profesorado teña a información necesaria para avaliar os seus coñecementos, pero polo que parece, a intencionalidade do Goberno anterior e agora en funcións é poñer un camiño de probas, competicións, trabas e rivalidades para illar aos máis desfavorecidos e apartalos do sistema, aproveitando á vez para segregar ao alumnado por centros e categorías.
O último paso dado polo Goberno para implantar as reválidas, foi publicar a resolución cos cuestionarios de contexto que deberán encher familias e alumnado.
CEAPA considera que as intencións do Goberno en funcións ao publicar esta resolución van en contra dos dereitos tanto das familias como do alumnado e vulnera o dereito á intimidade das familias e os dereitos do menor ao someterlle a unha tensión innecesaria por obrigarlle a responder preguntas que teñen un carácter manipulador con intención de culpabilizar dos problemas da educación tanto ao alumnado, familias ou aos docentes.
CEAPA cre que a intencionalidade dos cuestionarios é segregar ás familias e ao alumnado dependendo da súa situación económica, social, nacionalidade, laboral e formativa, facéndolles responsables dos resultados do sistema educativo, con intención de desviar a atención sobre os efectos demoledores que supuxeron os recortes, ademais de facer sesgadamente o ránking de centros que, a última hora, o Ministro de Educación, xa en funcións, dixera que non faría.
Os datos persoais das familias xa os ten a administración tanto nas declaracións de Facenda das familias como nos impresos de matrícula e, por tanto, CEAPA pide ás súas familias da escola pública que non axuden a facer os ránkings que segreguen aos seus fillos e fillas e atacan o concepto de igualdade.
Nin as familias nin o alumnado son culpables do fracaso educativo. O son as diferentes administracións que non apostan pola educación e detraen das súas partidas orzamentarias os recursos que se necesitan para levar a cabo un labor educativo adecuado en atención á diversidade, gratuidade, contratación de docentes e especialistas.
O éxito escolar non debe depender da nacionalidade do alumnado, a situación laboral da súa familia, a cor da súa pel, onde nacese, dos estudos dos seus pais, de se reside preto dun centro escolar, das crenzas da súa familia, do tipo de familia que sexa, da orientación sexual ou do número de membros da familias. A educación pública debe superar calquera carencia de orixe, calquera situación de desigualdade e aceptar a diversidade como algo bo, enriquecedor e propio da nosa sociedade.
CEAPA cre que ningunha resolución pode vulnerar o dereito á educación, os dereitos dos menores e das familias e respecto da publicada o día 30 de marzo CEAPA considera que se vulneran, e, por iso, pide ás súas familias que non enchan os cuestionarios que lles presente o centro educativo, limitándose a asinalos e poñendo unha anotación pedíndolle ao Ministerio que recade os datos dos arquivos correspondentes e para as preguntas nas que se require a súa opinión ou a dos seus fillos e fillas, que a súa opinión persoal gárdanlla para cando teñamos un goberno que escoite o que dicimos xa que o actual non o fixo en 4 anos e medio de mandato.
CEAPA esixe aos gobernos das CCAA que apoiaron a PNL aprobada no Parlamento e que pedía a paralización da implantación da LOMCE, sexan consecuentes co seu voto e regulen as reválidas de tal forma que non afecte nin anímica nin academicamente ao alumnado xa que teñen competencias para poder facelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario