A vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de
xuño, o coordinador da área internacional da Mesa, Paulo Filgueiras,
participará nas xornadas sobre discriminacións lingüísticas na UE
organizadas pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas
O informe revela casos denunciados pola Mesa no 2015 e
incluirá o presentado na Revisión Periódica Universal do Consello de
Dereitos Humanos da ONU, e denunciará o decreto 79/2010 contra o galego
no ensino
A Mesa pola Normalización
Lingüística participará a vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño,
na conferencia Respecto polos dereitos lingüísiticos? As discriminacións lingüísticas na Unión Europea organizada polos grupos parlamentares da Alianza Libre Europea, Os verdes e a Esquerda unida europea en colaboración coa Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) da que a Mesa forma parte.
Continúa así a acción de denuncia internacional que levou a entidade
en defensa da lingua de Galiza a denunciar a situación do galego diante
de diferentes organismos internacionais como o Consello de Dereitos Humanos da ONU e o Consello de Europa.
Estas denuncias inclúen casos de discriminacións
diante de empresas ou organismos públicos, mais tamén a política
lingüística da actual Xunta de Galiza, nomeadamente as modificación na
Lei de acceso á función pública, e o decreto contra o galego de 2010,
rexeitado recentemente polo consello de europa. A Mesa exporá tamén a
situación creada pola sentenza do TSXG contra a ordenanza a favor do galego do concello de Lugo.
Na conferencia discutirase o tratamento que a UE e os seus Estados
membros dan ao problema da discriminación e exclusión das linguas
propias e avaliarase a situación en varios Estados, que pode fornecer a
evidencia de discriminación lingüística con numerosos estudos de caso.
Como resultado elaboraranse recomendacións sobre as medidas que a UE
debe tomar ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de Europa,
por medio da Comisión Europea contra o racismo e a intolerancia, de que a
discriminación lingüística constitúe unha forma de racismo.
A conferencia contará coa participación xunto á Mesa, de diversas
entidades de defensa das linguas propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda,
Gales, Húngaros de Eslovenia e Romenia, e Occitania.
Contará ademais coa participación do Consello de Europa (Carta
Europea das Linguas e Convención das Minorías Nacionais), Alto
Comisionado para as Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de
Dereitos Humanos da ONU.
A conferencia buscará o mellor xeito de utilizar a lexislación
existente xa en vigor, como a Directiva sobre igualdade racial e da
Carta dos Dereitos Fundamentais,así como as propostas Protocolo de
Donostia (presentado esta semana en Galiza). Presentarase tamén a
proposta da Rede Europea para a Igualdade das Linguas para unha
directiva de dereitos lingüísticos.
As recomendacións da conferencia serán presentadas ás Comisións de
Cultura e Liberdades civís, Xustiza e asuntos internos (LIBE), ao
Consello de Europa, á OSCE e á ONU.
A Mesa convidará a asisitir a todos os Eurodeputados de Galiza
Language-Hearing-Poster-Final-500x675 (83 kB)
Ningún comentario:
Publicar un comentario