xoves, 26 de maio de 2016

Educadores laureados

Os institutos Aller Ulloa e Marco do Camballón reciben en Teo senllos premios á innovación educativa 'Escola Viva', promovidos pola UXT.

Profesores dos institutos Ramón María Aller Ulloa de Lalín e Marco do Camballón de Vila de Cruces recibiron onte tarde en Teo senllos premios á innovación educativa Escola Viva, no transcurso dun acto convocado por FETE-UXT Galicia e Escola Viva. O centro lalinense recibiu o primeiro premio grazas ao seu proxecto kale/kela: Ao son da arte e as ciencias. Arte inclusiva, mentres que o cruceño foi galardoado cunha mención honorífica polo seu traballo Arte e xogo feminino ao longo dá historia. Os galardóns entregados onte no Hotel Congreso teñen como obxectivo o recoñecemento ao labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadores nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado.
Ao certame organizado por FETE-UXT Galicia e Escola Viva presentáronse un total de 44 traballos de centros de toda a comunidade autónoma, e o xurado outorgou dous premios e cinco accésits. O galardón obtido polo IES Aller Ulloa de Lalín está dotado cun premio en metálico de 2.000 euros, mentres que a mención do centro de Vila de Cruces recibiu un recordo conmemorativo da súa distinción. O palmarés do concurso completouse cun segundo premio dotado con 1.000 euros para os profesores José Ignacio Salgado López e Manuel Axeitos Pérez, do IES Leliadoura de Frións, en Ribeira. O resto de mencións honoríficas recaeron en María José García García, do CPI de Castroverde (Lugo); Nuria Garabal González, do CEIP Plurilingüe número 1 de Tui; María Lamelas Fernández e Jennifer Fernández Rodríguez, do CEIP Manuel Bermúdez de Castro (Pobra de Trives); e María Amparo López Romalde, do CIP Plurilingüe San Xoán Filgueira (Ferrol). A entrega de premios congregou a numeroso público nos salóns do hotel de Teo onde tivo lugar a cerimonia.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario