Este é o ano de Manuel María (e das Irmandades da Fala), pero
en menos de dous meses a Real Academia Galega escollerá o seu
homenaxeado ou homenaxeada para 2017. As
quinielas xa
están botadas e nalgúns casos algunha das propostas e candidaturas
contan con campañas iniciadas dende entidades sociais e culturais,
reclamando un recoñecemento que faga xustiza á achega de distintos
autores e autoras á cultura e lingua galegas. Nesas apostas hai algúns
nomes habituais, destacando nomeadamente o de Ricardo Carvalho Calero.
Outros candidatos de peso (como Carlos Casares), e tamén homes e
mulleres que nos últimos anos xa foron propostos oficialmente e
debatidos polo plenario da RAG (Celestino Fernández de la Vega, Xela
Arias ou Fiz Vergara Vilariño) e, igualmente, autores en moitas ocasións
non tan coñecidos no conxunto do país, pero cunha grande importancia e
actividade nas súas comarcas de orixe.
Quen é o teu ou a túa candidata?
-
Ricardo Carvalho Calero. Un dos grandes favoritos, un
ano máis. O ferrolán foi membro numerario da propia RAG, contribuíu á
redacción do Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do
Partido Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas,
sufriu o cárcere e estivo longos anos apartado da función pública e foi o
primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da USC. Alén
diso, conta cunha completa e moi recoñecida en todo o mundo obra
literaria, tanto en poesía, coma en narrativa (por exemplo o seu
brillante Scórpio), coma en teatro e por suposto en ensaio,
sobre todo no campo da lingüística. Para completar a forza desta
candidatura, Carvalho foi o gran pensador do reintegracionismo
lingüistico, o que para algúns é a principal razón para non ter sido
recoñecido até agora nas Letras. Dende Ferrolterra, unha Comisión Cidadá
(integrada por Bernardo Maiz, Xosé María Dobarro e Manuel Pazo) demanda
oficialmente -por quinta vez- a homenaxe para Carvalho Calero, que
recibiu o apoio dos cinco grupos políticos con representación no pleno
municipal de Ferrol e tamén dos nove concellos que conforman a
mancomunidade comarcal.
-
Carlos Casares. Finado en 2002, Casares é outro dos
grandes favoritos, tanto pola súa produción literaria en case todos os
xéneros, coma polo seu labor institucional (na RAG, Consello da
Cultura...) e editorial (Galaxia). Hai uns meses o Concello de Xinzo de
Limia aprobou por unanimidade unha moción de Xinzo Adiante que instaba
a solicitarlle formalmente á RAG que Casares sexa o autor homenaxeado en
2017, coincidindo co 50º aniversario da publicación da súa primeira
obra, Vento ferido (1967).
-
Xela Arias. Non anda sobrada de mulleres homenaxeadas
a celebración do Día das Letras. Xela Arias é unha das que máis soan
dende hai anos, unha das máis reclamadas. Finada en 2003 con tan só 41
anos, a tradutora e o poeta conta cunha notable produción, dende Denuncia do equilibrio a Intempériome, pasando por Lili sen pistolas e Tigres coma cabalos, ademais de participar en numerosos volumes colectivos
-
Celestino Fernández de la Vega. En 2014, cando o
elixido foi Xosé Filgueira Valverde, Celestino Fernández de la Vega foi
unha das propostas presentadas (xunto con Xela Arias, Carvalho Calero e
Manuel María), chegando de feito á escolla final. É coñecido sobre todo
polo seu tratado sobre o humor titulado O segredo do humor de 1963. Foi tamén un dos socios fundadores da Editorial Galaxia e colaborou en publicacións como El Progreso, La Noche, Grial ou Galicia Emigrante.
-
Fiz Vergara Vilariño. Vergara Vilariño leva xa uns anos nas quinielas de
aspirantes e, por exemplo, foi finalista en 2013, cando a Real Academia
escolleu a Xosé María Díaz Castro. Nado en 1953 na parroquia de
Santalla do concello lugués de Samos e finado no mesmo lugar con tan só
44 anos en 1997, formou parte do colectivo Cravo Fondo e
publicou oito poemarios, relacionándose literariamente con Xavier
Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel, Xesús Manuel Valcárcel
ou Claudio Rodríguez Fer.
-
Xosé Agrelo Hermo. Nacido en Noia en 1937 e finado en
Compostela en 2006. Mestre de profesión, o seu afán de dinamización
cultural e a súa vocación teatral levárono ao teatro escolar e
afeccionado. Fundou e dirixiu cinco grupos teatrais en Noia e Muros. Foi
redactor xefe da revista Barbanza (1988-90) e director de
publicacións da Editorial Toxosoutos e, ademais, concelleiro en Muros
polo BNG de 1979 a 1987. Foi o gañador do 1º Premio do Concurso nacional
de contos infantís O Facho no 1971, por O espantallo. Publicou
tamén tres obras de teatro e catro ensaios. Hai dous anos lanzouse en
Noia, Muros e Outes unha iniciativa para reivindicar que Agrelo Hermo
fose homenaxeado en 2017, no 80 aniversario do seu nacemento.
-
Antonio Fernández e Morales. Varios colectivos
culturais e alcaldes da comarca do Bierzo lanzaron hai uns meses a
candidatura deste autor para 2017, coincidindo co segundo centenario do
seu nacemento (1817). Non é a primeira vez que se reivindica esta
homenaxe. Hai uns anos a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta salientaba que Fernandez e Morales "publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua".
-
Avelino Díaz. Coñecido como "o Poeta de Meira" e
nacido en 1897, con tres anos emigrou a Arxentina, establecéndose
finalmente no país austral, tras pasar por Cuba e regresar temporalmente
a Galicia. Colaborou en publicacións como Céltiga, Galicia Emigrante ou A Nosa Terra e dirixiu os xornais Galicia, Lugo e Opinión Gallega.
É autor de dous poemarios en galego. Varias institucións e asociacións
locais, tanto de Meira como de Riotorto, reivindican o seu recoñecemento
en 2017, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento.
-
Xosé Manuel López Ardeiro. Nacido en Negreira en 1944
e finado en Ferrol en 2007, foi membro fundador da Sociedade Cultural
Afonso Eanes e da ONG Alén Mar, tendo participado en diversas
actividades sociais e culturais, coma o Ateneo Ferrolán. É autor de sete
poemarios, ademais de participar en numerosas obras colectivas. Recibiu
en 1988 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e tamén se fixo co Premio de
poesía Cidade de Ourense e o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello
de Vigo. En marzo o pleno do Concello de Negreira aprobou unha moción
para pedir que o Día das Letras 2017 se dedicase ao poeta.
-
Florencio Delgado Gurriarán. Tamén hai unha campaña para
que a homenaxe de 2017 sexa para o valdeorrés Delgado Gurriarán.
Avogado, militante do Partido Galeguista (do que se converteu en
Secretario de Propaganda en 1938), en 1936 fuxiu da represión franquista
a través de Portugal e Francia, exiliándose finalmente en México. Foi
un dos fundadores da revista Vieiros e publicou catro poemarios.
-
Outros e outras. A lista podería e pode continuar. Non se pode esquecer, por exemplo a Luisa Villalta (1957-2004), cunha intensa produción en todos os xéneros, dende o teatro á poesía. Ou (por que non?) a Andrés Dobarro, como demandaba hai uns meses no seu blog Francisco Castro,
no 70 aniversario do seu nacemento: "creo que a Academia ten que ter a
valentía de dedicarlle o Día das Letras Galegas a alguén que non foi un
literato, que non foi un ensaísta ou un polígrafo, pero que fixo máis
polo galego, pola súa dignificación, pola súa vida, que o que faremos a
meirande parte dos que no galego estamos a diario". Seguindo este mesmo
razoamento, en varias ocasións dende o sector do audiovisual fíxose un chamamento a que se recoñecese a Chano Piñeiro no Día das Letras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario