O colectivo de voluntarios está preocupado polo incremento de cidadáns en situación de risco.
«A situación non mellora e tennos preocupados o
incremento de familias que chegan á nosa asociación buscando axuda»,
afirma a presidenta do colectivo de voluntarios O Mencer de Lalín Rocío
Díaz.
Un colectivo que conta actualmente na súa listaxe con
264 familias ás que se lles brinda axuda de xeito semanal, quincenal ou
mensualmente. «As entregas de alimentos van en función de si na unidade
familiar hai nenos. Neses casos, son familias que temos clasificadas
como prioritarias e as entregas realízanselles cada quince días». Das
264 unidades atendidas na actualidade en Lalín o 50 % son estranxeiras e
outras tantos do municipio, segundo constata a presidenta do Mencer.
Familias que son atendidas desde o punto de vista alimentario grazas a
achegas e iniciativas particulares que se xestan a favor da asociación.
«Agora o Banco de Alimentos fornécenos cada mes e medio polo que
afortunadamente sempre temos alimentos que poder distribuír entre os que
os necesitan. Doutra banda están as axudas de particulares e de
empresas que nos dan queixos e iogures, por exemplo, e as iniciativas
como a que organiza a escola de teatro que nos doará todos os alimentos
que recade».
A pesar de toda a axuda o colectivo precisa de
determinados alimentos: aceite, azucre, cola cao, cueiros para os nenos e
produtos de hixiene. «Ímonos defendendo pero sempre hai algunhas cousas
que temos que comprar nós ao non dispor das mesmas en reserva». E unha
nova chamada á colaboración. «Os días 3 e 4 de xuño teremos unha gran
recollida de alimentos no Eroski. Por pequena que sexa a colaboración
sempre é importantísima».
Ningún comentario:
Publicar un comentario