Unha vez rematado o prazo de inscrición, o grupo Xuvenciencia da USC, que é o promotor deste campus estival orientado a estudantes preuniversitario en cuxa organización colaboran máis dun centenar de profesores do campus de Lugo, vén de publicar este xoves a primeira lista de 130 admitidos, que poderán formalizar a súa matrícula na web ata o mércores 11 de maio. As persoas incluídas na primeira lista de admitidos que non formalicen a súa matrícula no campus de verán Xuvenciencia no período habilitado para tal efecto perderán a súa praza, que será ofertada logo aos candidatos que figuran en lista de agarda.
Os lugares de procedencia dos estudantes que tramitaron a súa inscrición para participar no campus de verán Xuvenciencia 2016 é bastante heteroxénea, aínda que cabe sinalar que máis do 40% das solicitudes (83) corresponden a estudantes de centros educativos do concello de Lugo, unha cifra que se eleva a 119 de contabilizar todas as solicitudes recibidas de escolares matriculados en centros de ensino preuniversitario da provincia.
Pontevedra, con 44 estudantes preinscritos, e A Coruña, con 37, e Ourense, con dous solicitantes, completan o escenario de procedencia das solicitudes rexistradas no
campus de verán Xuvenciencia Lugo 2016, un programa para o que tamén pediron praza un estudante de Ibiza e outro do concello murciano de Lorca.
A admisión do alumnado fíxose por estrita orde de inscrición no campus de verán Xuvenciencia, segundo sinalaron os organizadores, que tamén salientaron que 46 das solicitudes recibidas correspóndese con estudantes que xa tomaron parte noutras edicións anteriores deste programa estival e que aspiran de novo a gozar dunha das 30 prazas ofertadas este ano no módulo de veteranos.
O programa de aprendizaxe e convivencia conta con máis de 90 actividades diferentesOutros datos relativos aos perfís dos estudantes interesados ser gozar do amplo abano de actividades e obradoiros programados no marco co campus de verán Xuvenciencia Lugo 2016 son os que atinxen a cuestións de xénero. Daquela, cómpre dicir que o 60% das solicitudes son de rapazas. A idade da maioría dos candidatos aspirantes está comprendida entre os 15 e os 17 anos e o 50% son estudantes de cuarto curso de ESO, indicaron desde Xuvenciencia.
A nova edición deste campus de verán, que se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia que contempla máis de 90 actividades diferentes, a través das que a USC busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo, así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2016 brinda un servizo de aloxamento desde a noite do 27 de xuño ata o 1 de xullo na residencia universitaria Abeiro, onde poderán gozar das actividades programadas polos monitores da A.D.C. Lumieira Lugo. A posibilidade de aloxamento, que é demandada por máis de medio centenar dos candidatos incluídos na primeira lista de admitidos, é complementaria co desenvolvemento das actividades incluídas no programa do campus de verán e está pensada para os participantes procedentes de fóra de Lugo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario