Galicia será unha das comunidades onde se celebren as reválidas tras a negativa de oito territorios a facelaCon novos actos de protesta este luns en varios centros convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, os que xa se celebraron a pasada semana e a chamada ao boicot tanto deste colectivo como das diferentes anpas, é ben probable que arredor da metade dos alumnos non acudan ás aulas neses días por iniciativa das súas familias. No pasado curso, na estrea das reválidas a Xunta recoñecera un absentismo do 30% que os datos da Confapa elevaran ao 60%.
Sexa como for, serán milleiros os alumnos que se estrearán este mércores, xa que foi a de 3º de Primaria a que se desenvolveu o pasado ano. As previstas para o final da ESO e a de Bacharelato, que deben substituír a actual selectividade, están convocadas para o vindeiro curso.
Desde o Goberno central e a Xunta insístese en que estas de Primaria son probas de diagnóstico, sen valor curricular e simplemente para avaliar o nivel dos alumnos e centros, pero anpas, sindicatos e unha ampla maioría do colectivo educativo critican a presión á que se somete a nenos tan pequenos, a posibilidade de elaborar ránkings -tanto de centros como de alumnado- e a inutilidade dun exame que non ten en conta a avaliación continua que os docentes fan dos seus alumnos.
As probas non son anónimas e a súa cualificación queda no expediente do alumno, no centro actual e naquel no que curse a ESOAs probas levaranse a cabo en 800 centros públicos concertados e privados e non son anónimas, ademais de que a nota queda no expediente do alumno e no propio centro e é trasladada tamén ao instituto onde curse a ESO. "É unha mochiliña que os nenos levarán sempre", explican fontes docentes. Ao tempo, e aínda que desde as administracións se insiste en que non é necesario aprobar a reválida para pasar de curso, a Lomce si contempla a posibilidade de que se repita en 6º de Primaria en caso de que non se supere a proba, unha opción na que nin tan sequera se pensa no Goberno central.
A reválida inclúe unha avaliación sobre competencia matemática e lingüística á que se engade, no caso da de 6º, inglés e ciencia e tecnoloxía. Son probas longas, de varias horas, nas que os alumnos teñen que demostrar a súa comprensión lectora nunha primeira parte, así como a súa capacidade de expresión para logo abordar a parte das matemáticas. No segundo día, tócalle a lingua galega e a ciencia e tecnoloxía, mentres que para o último día queda reservada a proba de inglés.
As reválidas avalías as materias que se inclúen no informe PISA, deixando fóra Música ou PlásticaAvalíanse nestas reválidas, xa que logo, aquelas materias que se inclúen no informe PISA, obviando outras como Música ou Plástica. "Non teñen en conta outras habilidades que desde a Administración desprezan", insisten as mesmas fontes do profesorado sobre unhas probas que son idénticas en todo o Estado, coa única excepción de incluíren a lingua galega -e outras linguas oficiais- naqueles territorios con idioma propio.
Aínda que o Executivo xustifícaas argumentando que serven de referencia aos centros para ver no que teñen que mellorar ereconducir os seus resultados, os centros avalían o "grao de adquisión das competencias" de cada alumno cualificándoo cun nivel insuficiente, medio ou alto, unha nota da que se informa ás familias pero "sen efectos académicos".
Os centros avalían o "grao de adquisición de competencias" dos alumnos cualificándoo cun nivel insuficiente, medio ou algoSon moitos os docentes e os pais e nais que insisten na "presión" e no "estrés" ao que se somete aos nenos, moi cativos, e que ese día non son examinados polos seus profesores ou titores habituais, senón por docentes do mesmo centro pero alleos a eles, o que incrementa a súa sensación de estar sendo sometidos a unha proba determinante e diferente. "Séntense estraños e en moitos casos non se atreven a preguntar", insisten. Son estes profesores os que corrixen tamén as probas para logo a Consellería de Educación levar a cabo unha segunda corrección aleatoriamente co obxectivo de garantir a correcta aplicación do proceso.
As probas don iguais para todos, sen ter en conta necesidades especiais, eivas ou a avaliación continua que xa leva a cabo cada profesorAdemais, son moitos os docentes que ven no feito de que as probas sexan iguais e nas mesmas condicións para todos e cada un dos alumnos un dos principais problemas. "Non se ten en conta se un neno ten algún problema ou déficit, se é inmigrante e ten problemas de comprensión, se precisa reforzo habitualmente, se empezou mellor ou peor o curso, se mellorou o seu nivel respecto de como se iniciara... En definitiva, bótase por terra toda a avaliación continua que se adoita facer nestes casos", explican as mesmas fontes. Dáselle a aquel que o necesita, iso si, máis tempo para realizar a proba, pero é un detalle que tamén se pode destacar na cualificación.
Malia todo isto, Xunta e Goberno central insisten en que as reválidas só serven de referencia, pero as de ESO e Bacharelato previstas para implantar o curos que vén si serán obrigatorias para obter o título de cada etapa e poder continuar estudando. Deixar a ver se, daquela, o Executivo continúa a aplicar a Lomce.
Ningún comentario:
Publicar un comentario