Emma Cepeda foi elixida mellor xornalista xuvenil de opinión e unha foto de Adela Otero gañou un segundo premio.
No instituto Ramón María Aller Ulloa de Lalín
continúan cultivando premios. Neste caso as galardoadas son dous
estudantes de primeiro de Bacharelato que van á mesma clase pero que
teñen afeccións diferentes. Emma Cepeda Mouriño, é de Lalín, e acaba de
obter o premio que a converte na Mellor Xornalista Xuvenil deste ano na
modalidade de opinión. Un galardón concedido na décima edición do
certame Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil convocado polo Programa
Prensa-Escola de La Voz de Galicia do que se fixo merecedora por un
artigo titulado: Desde que comemos a mazá prohibida.
A súa compañeira de clase Adela Otero Vázquez, de Botos, gañou o segundo premio no concurso de fotografía Galicia, Auga en literatura tamén
convocado por La Voz de Galicia a través de Prensa-Escola. No certame
tratábase de elixir un texto, relacionalo cunha imaxe e enviar unha
reflexión. Adela elixiu un poema de Rosalía de Castro que ilustrou cunha
imaxe da auga goteando pola pedra e que sacou «no último momento na
fonte do campo da feira».
Unha sorpresa
Ningunha das dúas esperaba «para nada» obter un
premio, e no caso de Emma menos gañar. Explican que era a primeira vez
que concorrían e que o fixeron despois de que llo comentase a súa
profesora. Adela Otero sinala que «eu deixeino ata o final e logo
presenteino no límite». Visto o visto, Adela apunta que «presentareime
máis veces a máis concursos pero xa facendo as cousas con máis tempo».
Ten claro que o seu é a fotografía e afirma sen
dubidalo que «espero que sexa o meu futuro». A carreira que queira facer
tamén a ten clara. Quere estudar Comunicación Audiovisual «hai en
Santiago e na Coruña», apunta e o que lle gusta é a fotografía de prensa
e «grabar e facer publicidade».
Na súa casa, di, é á única que lle tira a fotografía e
aínda que «nas cousas formais como vodas e comunións non fago as fotos,
pero no resto das festas e celebracións encárgome eu sempre».
Estuda en BAC na modalidade de arte e Emma Cepeda na
de Humanidades. A diferenza de Adela, Emma non ten claro o seu futuro
aínda que apunta que o que máis lle gusta é «o xornalismo, a literatura e
a historia».
O de escribir sobre malos tratos foi a súa segunda
opción, a primeira que pensou foi falar sobre os papeis de Panamá. E é
que confesa que lle gusta a política e que primeiro pensou en estudar
ciencias políticas, que é unha carreira que barallou pero «que descartou
porque «non me gustan as Matemáticas»
As dúas recollerán os seus premios o próximo día 4.
Emma Cepeda gozará do seu cos seus pais e o seu irmán cos que viaxará a
Londres unha fin de semana e Adela Otero recollerá unha cámara dixital
Nikon que seguro que non tarda nada en probar. Onte para a foto pousou
coa cámara da clase.
Estes días traballan na realización dun vídeo
promocional cun decorado que reproduce a biblioteca do centro animada
con bonecos de plastilina. Uns habitantes entre os que estará tamén
Ramón María Aller porque o traballo audiovisual servirá tamén para
celebrar o 150 aniversario da súa morte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario