O documento será a continuación da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e estase a desenvolver no marco de Donostia 2016- Capitalidade Europea da Cultura.
O Salón de actos da Faculdade de Filosofía da USC acollerá este martes o acto de presentación en Galicia do Protocolo internacional para a garantía de dereitos lingüísticos, organizado conxuntamente pola Universidade de Santiago e A Mesa pola Normalización Lingüística.O protocolo de dereitos lingüísticos é un documento que parte da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e avoga pola igualdade entre as diferentes linguas e polo desenvolvemento das que están en situación de desvantaxe. Está promovido por Kontseilua, Donostia 2016, PEN internacional, ELEN, CIEMEN, LinguaPax, UNPO, ECMI.
Este documento será elaborado grazas ás contribucións dos axentes sociais e ás recomendacións dun Comité Científico e definirá as condicións mínimas necesarias para garantir os dereitos lingüísticos do conxunto da cidadanía. As conclusións do proceso de elaboración serán presentadas en Donostia no mes de decembro de 2016, no marco da Capitalidade Europea da Cultura, segundo informa A Mesa.
Pola mañá, ás 10.30, Paul Bilbao, representante de Donostia 12016 e secretario xeral de Kontseilua será recibido polo Reitor da Universidade de Santiago no Pazo de San Xerome, a quen lle presentará as principais liñas do protocolo.
O acto, que se desenvolverá ás 17.30 na Faculdade de Filosofía é aberto, mais están convidadas de xeito especial entidades sociais para que coñezan o proxecto, o seu desenvolvemento e a posibilidade de achegaren as súas aportacións.
Contará coa presenza de Paul Bilbao (Secretario Xeral de Kontseilua- consello de entidades do eúscaro- e representante de Donostia 2016), María do Pilar García Negro (profesora da UdC e membro do comité científico internacional), María do Carme Silva (Vicerreitora da USC) e Marcos Maceira (presidente da Mesa).
Ningún comentario:
Publicar un comentario