martes, 3 de maio de 2016

Máis de 2.000 escolares dan pulo ao galego en Pontevedra na etapa inaugural do #Correlingua2016

Procedentes de máis de 20 centros da comarca, percorreron as rúas da cidade para finalizar nunhagran festa final na Praza da Ferrería.

Máis de 2000 escolares dos centros de ensino da comarca de Pontevedra participaron esta segunda feira na etapa inaugural do Correlingua 2016, unha iniciativa pola lingua galega que percorrerá por unha ducia de cidades e vilas do país até o vindeiro 16 de maio. Nesta primeira xornada, os escolares percorreron as rúas da cidade e celebraron unha gran festa final na Praza da Ferrería.
Os pequenos participantes foron recibidos, informan desde a organización, coa actuación dos músicos e xigantes, “que co seu 'dragón bota auga' déronlles unha benvida maxistral”. A continuación o grupo Talia Teatro saudou os máis de 20 centros que tomaron parte na iniciativa, dando paso á saída da marcha. O alumnado do IES Martín Sarmiento foi o encargado de ler o manifesto gañador, mentres que o grupo de rock Liviao do Marrao foi o responsábel de poñer a banda sonora ao acto. A seguinte parada do Correlingua -carreira polo idioma organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, e conta coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e das Deputacións da Coruá, Lugo e Pontevedra- será na cidade da Coruña esta terza feira día 3.
María Rodríguez (CIG-Ensino), Andrea Martíns (ASPG), o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña, e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, entregaron a cada un dos centros participantes un lote de libros cedidos polas editoriais Kalandraka e OQO e polas librarías pontevedresas Seijas, Paz, Escolma, D´lectum, Nóbel e El Pueblo. Ademais, recibiron un diploma pola súa participación no evento.
Durante o acto tamén se repartiu un globo xigante a cada centro como símbolo da lingua, algo que se repetirá durante esta edición do Correlingua, actividade que move arredor de 40.000 nenos en todo o país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario