martes, 3 de maio de 2016

Día da Liberdade de Prensa: "O que estamos a reclamar hoxe non é un dereito noso, senón de toda a cidadanía"

O Colexio de Xornalistas vén de facer público o seu manifesto con motivo do Día da Liberdade de Prensa, que se celebra este 3 de maio. O texto, de Xosé Hermida, apela ao "optimismo" malia todas as dificultades que sofre o xornalismo e os seus e as súas profesionais: "Sen nós, de momento, non se poden facer xornais de papel ou dixitais, informativos de radio ou de televisión" pero alerta de que está "en perigo" que "a verdade quede sepultada entre moreas de medias verdades, relatos prefabricados, burda propaganda e espectáculo banal travestido de xornalismo".
"Cada vez que se xuntan agora máis de tres xornalistas, o encontro despide un aroma fúnebre", comeza dicindo Hermida, que engade que" resulta difícil fuxir da tentación de debullar nun día como o hoxe o longo inventario de calamidades que nos azoutan dende hai tempo" e que "por iso se cadra hoxe é máis necesario que nunca ser optimistas. Aínda que só sexa porque, como dixo alguén, nestes tempos o optimismo converteuse case nunha obriga moral".
"O que estamos a reclamar hoxe non é un dereito noso, senón de toda a cidadanía. A nosa liberdade de expresión é a garantía de que a xente poida estar ben informada. Pedimos por nós para pedir por todos"
"España xa non foi a mesma dende que se publicaron os papeis de Bárcenas. Galicia xa non foi a mesma despois de que os xornalistas rachasen o bloqueo informativo sobre a catástrofe do 'Prestige'. Non hai nada máis potente que a verdade. Por iso ter un oficio que consiste en contar e desvelar verdades é un agasallo", destaca. "O que estamos a reclamar hoxe non é un dereito noso, senón de toda a cidadanía. A nosa liberdade de expresión é a garantía de que a xente poida estar ben informada. Pedimos por nós para pedir por todos", subliña.
"Hai partes do mundo onde aínda é preciso loitar pola liberdades de prensa e de expresión", di, pero en Occidente "nunca houbo tanta liberdade de prensa e de expresión. A Rede permite case a calquera difundir case calquera cousa". "O que si está en perigo en Occidente é a calidade da información e a independencia dos grandes medios, en mans ou de gobernos - non dos intereses públicos- ou de conglomerados financeiros", destaca.
"Podemos ser optimistas se nos esforzamos en non perder de vista nunca que estamos servindo á sociedade. Non só ás nosas lexítimas ambicións persoais, á nosa carreira, ás nosas aspiracións económicas... Nin sequera á empresa que nos paga"
"Temos que defender o noso traballo e non consentir nunca poñer o noso nome ao servizo de campañas políticas ou de manipulacións informativas instigadas por escuros intereses", reclama e lembra que "por moitas presións que recibamos, os xornalistas dispoñemos dese dereito último a retirar a nosa sinatura, o noso rostro, a nosa voz".
"Podemos ser optimistas se nos esforzamos en non perder de vista nunca que estamos servindo á sociedade. Non só ás nosas lexítimas ambicións persoais, á nosa carreira, ás nosas aspiracións económicas... Nin sequera á empresa que nos paga", di. "Ao único que nos debemos finalmente é ao dereito dos cidadáns a estaren informados. A información non nos pertence a nós, pertence á sociedade", reitera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario